
Foi a fin de semana anterior á “manifa” de Compostela. Marchamos o domingo de mañá e viñemos o luns (“a pilarica”) pola tarde. Eramos unha boa tropa (8 adultos e 8 nenos), pero apañámonos ben e disfrutamos “a tope” do monte.
A primeira ruta que fixemos foi a dos muíños do río Mao, case toda ela á sombra, de agradecer coa calor que facía. Son aproximadamente unha ducia de muíños en bastante bo estado.
Ese mesmo día, logo de deixar os rapaces a bo recaudo nas augas termais de Riocaldo, subimos á beira das fervenzas do Castro Leboreiro. Percorrido apto para cabras e algún aventureiro trasnoitado coma nós, pero realmente o esforzo paga a pena (como non levaba cámara, a foto roubeina da páxina do parque natural).
O domingo de mañá fixemos a ruta da ermida do Xurés, decatándonos de que se adoita percorrer en cabalo por mor das numerosas bostas que iamos esquivando. O vieiro ten unhas fermosas vistas da contorna. Unha mostra é a alvariza da foto. As alvarizas construíanse para gardar as colmeas dos animais salvaxes, fundamentalmente dos osos. Normalmente teñen planta circular, aínda que a desta é rectangular.

Antes de rematar o camiño, descansamos no adro da ermida á sombra de centenarios carballos co tronco oco. Contaxiado do espírito montañés, subín ao campanario e tirei a foto da cabeceira, na que se ve a aldea de (espero non equivocarme) Vilameá.
E, como aínda nos quedaban pilas, á tarde paramos na aldea de Cela, cuxa orixinalidade vén dada pola mestura de penedos e casas. Moitas destas construíronse ao abeiro das rochas, configurando unha paisaxe ben curiosa.

Un chisco cansos, agora si, emprendemos a viaxe de volta coa leda imprensión de ter aproveitado o tempo.