Archive for the motor Category

Hai tradicións institucionalizadas e outras que non, hai tradicións colectivas e outras que non, en fin, hai tradicións. Unha destas tradicións lévanos todos os anos polos montes de Xunqueira de Espadanedo a ver o rallye de Ourense. Xuntámonos un grupo de amigos, levamos comida e bebida e imos parar sempre ao mesmo sitio, unha especie de merendeiro situado na parroquia de Pardeconde. Trátase dun lugar ideal, un “locus amoenus” sementado de carballos, cun regato polo medio e presidido por unha construción de pedra á que maiormente se lle chama “chiringo” ou simplemente “bar”. Este ano só nos xuntamos dous dos seis ou sete que adoitamos ir (a xente, xa se sabe, anda ocupada, que se a familia, que se o traballo…) Aínda así pasámolo ben, comemos a fartar, algo bebemos tamén e gozamos do espectáculo e da conversa. O de menos foi que gañara o rallye Monzón e que na segunda pasada do tramo de San Pedro de Rocas circulasen un terzo dos coches inscritos. O de máis, gozar do monte e botar unhas risas cos colegas que por alí apareceron. Tan entretidos estabamos que non tiramos fotos, por iso vos poñemos esta de Javier Paz roubada de www.gzrally.com.

cochesubs.JPGOnte, véspera do día nacional para os seareiros de Rajoy I, déronnos por fin no taller o que eles chaman un vehículo de cortesía ou de substitución. Nós chamarémoslle “coche de consolación”, porque o arrecendo a novo que despide o habitáculo e o entusiasmo co que os rapaces o acollen, axuda a cangar máis animosamente a mágoa de deixar o ”buga” propio coas tripas ao aire. E matinando nisto da substitución, nun día coma o de hoxe, cheo de contaminación informativa, de bandeiras españolas e de falabaratos televisivos, ocorréusenos pensar o beneficioso que sería contar con políticos de cortesía, de substitución ou, por que non, de consolación. Aínda que moito nos tememos que o substituto podería tranquilamente igualar as babecadas do titular.

Cando eramos novos, moi novos, uns gromiños, é dicir, uns adolescentes, os que estabamos sen montura aproveitabamos a mínima para lle pedir a un colega a súa moto (unha Derbi ou unha Puch das pequerrechas, de 50 cc) e pensabamos no afortunados que eran eles o no desgraciadiños que eramos nós. Ao cumprir os dezaoito xa pensabas no coche, que como ben sabedes podía ter múltiples usos, sacabas o carné e ¡ala!, a dar unha volta co coche dos pais. Co paso do tempo algúns chegamos a ter coche propio, a renovalo, a enchelo de familia… Mais sempre queda un pouso, un desexo incumprido que aflora de cando en vez. Un día decídeste e ¡zas!, pillas a primeira moto, con 40 xaneiros ás costas… e pensas, vistas as estatísticas de idade nos accidentes de tráfico en fin de semana, que non foi tan malo agardar tanto, polo menos para a propia saúde e quizais a dalgún terceiro.Matinamos nisto a miúdo e en que non estamos libres de deixar os dentes na defensa dun camión. Toquemos madeira.

Achegamos detalle do noso scooter 125. Pouco máis é ca un vespino, pero divirte.

moto.JPG