Escribo en quente. Acabo de poñer a tele e, para variar, quedo fitando para ela coa boca aberta. O motivo, unha moza na serie “Libro de familia” (que non sigo, creo que afortunadamente) falando nun perfecto español (iso si, coa impronta da fonética do país). Mentres sigo papando moscas, aparece na caixa boba un individuo vestido de avogado falando tamén en español. Non aturo máis e póñome a escribir. Vale que a serie sexa “de época”, vale que esta pretenda ser “realista”, pero o que non vale é que a estas alturas nos metan gato por lebre. Mesmo parece que o guionista, que non sei quen é pero a partir de agora preocupareime de sabelo, pertence a “Galicia bilingüe”. Noxo de país.
CASTELÁN NA TVG
FEALDADE
Hai xa tempo que tiñamos pensado sacar esta foto e pensabamos que non iamos chegar a tempo, crendo que o Concello repararía o despropósito antes de facermos a instantánea. Pero non, a rampla que sobe a ningures segue aí, para atraer as miradas dos curiosos. A desfeita, coma case todo na vida, ten unha explicación: antes a rampla tiña entrada e saída, pero polo visto máis dun, logo dunha noite de xeada, caeu de cu (ou de fociños, vai ti saber…) e o Concello, curándose en saúde, tapiou este acceso e abriu outro con menos risco para as nádegas e os dentes dos viandantes. A isto moitos chamaranlle “feísmo”; nós optamos polo único substantivo correcto, fealdade. E é que “feísmo” parécenos unha palabra ben “fea”.
LECTURAS
![]()
![]()
Logo de rematar lecturas “obrigadas”, como “The picture of Dorian Gray”, de Oscar
Wilde (unha versionciña adaptada para estudantes de idiomas) , clásico ao que, como tal, sempre se lle tira proveito; por fin imos encetar a novela que chamaba por nós dende o andel hai case un mes: La sombra del viento, de Carlos Ruiz Zafón. A novela en cuestión perséguenos, e non dende hai un mes, senón uns cinco anos. A primeira vez que soubemos que existía ocorreu alá pola Semana Santa do 2003 cando, acubillados no tren que cobre o traxecto entre Almusafes e Valencia, observamos unha moza concentrada na lectura de “L’ombra del vent”, a versión en catalá. Fixámonos no libriño porque xa tiñamos referencias, e boas, do autor; leramos del “O príncipe da brétema”, a tradución ao galego dunha novela xuvenil cun inusitado talento neste tipo de publicacións. Ese mesmo ano, na feira do libro de Ourense, descubrimos que o volume era xa daquela un supervendas en todo o estado. O ano pasado decidimos agasallar a un amigo con esta reliquia, con tan boa sorte que xa o lera. Pois ben, hai case un mes, con motivo do noso aniversario, o amigo en cuestión tivo a fantástica idea de devolvernos o presente, co cal o efecto búmerang se completou. Hoxe fincámoslle o dente, esperamos que non nos defraude.
SÁBADO DE ENTRADA
No Val da Louriña vívese con paixón o entroido (e os que somos ourensáns estamos acreditados para afirmalo). As comparsas soen ser orixinais e divertidas, coma a da foto, que pode simbolizar a “entrada” (repárese na xiringa traseira); é dicir, o “entroido”, termo que procede do latín “introitum” e que vén significando “entrada” nese sacrosanto período da coresma no que segundo a igrexa non se debía comer carne. Isto, máis ou menos, é do dominio público. O que non o é tanto é que en castelán tamén hai “antruejo” e “antruido”, palabras estas ás que foi substituíndo “carnaval”, aínda que todas ao final veñan significando o mesmo. A saber, “antruejo” fai referencia aos tres días de “carnestolendas” (do latín “carnis” -carne- e “tollere” -quitar-) e “carnaval” incide no mesmo (do italiano “carnevale”, e este do latín “carnem levare” -quitar a carne-). Que obsesión a da Igrexa coa carne! Xa parecen os médicos co colesterol.
HIMNOMANÍA
Pois mira que lles entrou teima a algúns con isto de poñerlle letra ao himno español. Non é de estrañar, nun estado no que un de cada dous concursos televisivos consiste en cantaruxar algo, xa se sabe… a cabra tira ao monte. De calquera xeito, a nós nin nos vai nin nos vén e, como supoñemos que xa coñecedes as virtudes da famosa letra (un alarde de habelencia poética, cargada de sensibilidade e orixinalidade), reproducimos os versos? de dous himnos que nos chamaron a atención. O primeiro, o de Cabo Verde, non está mal para ser un himno. O segundo, o de Grenlandia, non ten desperdicio; agás o de “pelo cano” pouco máis alcanzamos a entender (quizais a mala tradución do grenlandés ao castelán teña algo que ver).
Podedes ver letras dun feixe de países en http://www.musica.com/letras.asp?letras=16048
Canta, irmão
Canta, meu irmão
Que a liberdade é hino
E o homem a certeza.
Com dignidade, enterra a semente
No pó da ilha nua;
No despenhadeiro da vida
A esperança é do tamanho do mar
Que nos abraça,
Sentinela de mares e ventos
Perseverante
Entre estrelas e o Atlântico
Entoa o cântico da liberdade.
Canta, irmão
Canta, meu irmão
Que a liberdade é hino
E o homem a certeza
——————————————————————————————————
![]()
Nuestro país antiguo, tu cabeza se cubre con pelo cano,Nos has guardado, como hijos, y nos has dado las riquezas.
Como medianos de la familia florecimos aquí Kalaallit,deseamos llamarnos delante de su cabezaorgullosa y honrada.Con un deseo ardiente para desarrollarlo que usted entrega, renovando,quitando sus obstáculos de nuestro deseode progresar, adelantarnos.La manera de sociedades maduradases nuestro objetivo entusiasta para lograr;el efecto del discurso y las letras anhelamos ver.¡Humildad no es la ruta,Kalaallit despierta y sea orgulloso!Una vida dignificada es nuestro objetivo;
con coraje adopte una postura.
FERRÍN E AS SINATURAS
Lemos en Vieiros, cunha mestura de ledicia e abraio, que por enésima vez será presentada a candidatura de Xosé Luís Méndez Ferrín para o Nobel de literatura. Ledicia, porque ben merecido o ten (aínda que a competencia é grande) e abraio, porque seica ao expediente presentado polo Pen Clube de Galicia engádenselle 3400 sinaturas recollidas entre os seus paisanos de Celanova. Non sabemos se as sinaturas servirán para algo máis que para facer vulto e, sinceramente, agardamos que non. Se a concesión do Nobel se rexese por criterios coma este, o premio sería calquera cousa agás un premio literario, calquera personaxe mediático cun certo tirón e con algo publicado (cousa ben doada) xa o tería no peto. Por outra parte, cae de caixón que os idiomas homenaxeados serían sempre os mesmos; os minoritarios coma o noso dende logo que non. Un xenio coma Ferrín, que deu ao prelo aos 19 anos Percival e outras historias, que creou un universo narrativo propio, que cultivou con acerto a poesía e o ensaio, que nos deleitou tantas veces co seu verbo orixinal, creativo, elaborado e mesmo provocador, precisa acaso dun mangado de firmas para ver recoñecido o seu labor? Claramente, non. A literatura é lectura, non sinatura.
HARRY OLEIRO, O CÁLIZ DE FOGO E O LABIRINTO DA CORUÑA
Hai uns días, para acougar as ansias lectoras do noso fillo máis vello (o adxectivo parece un pouco besta para tan só 9 anos), fomos por enésima vez á Biblioteca Municipal do Porriño (todo un exemplo de boa xestión, sen coñas). Alí, mentres buscabamos a terceira parte do Harry “Potas” (non lle vai mal o alcume, xa que “Potter” vén sendo “oleiro”), reparamos en que tiñan tamén a cuarta parte das aventuras deste pequeno mago traducida ao galego, baixo o título: H.P e o cáliz de fogo. Esa mesma noite vimos a peli e, modestamente, o substantivo “fogo” non nos parece o máis axeitado. Cando hai chamas, hai “lume”, e o que sae do cáliz (tamén discutible, no canto de “vaso”) son chamas. Se non lle aplicamos sentidiño a esta sorte de perversións lingüísticas, os fumadores poderiamos chegar a dicir, por exemplo: “Dáme fogo, que me caeu o esqueiro ao solo“ (Bonito, eh?)
De calquera xeito, o rapaz segue enganchado na lectura e o filme tamén lle gustou, sobre todo porque sae un labirinto parecido ao da foto, no que nos perdemos hai pouco tempo. Está no monte de San Pedro, na Coruña, e para botar unhas risas serve ben.
ABANDONOS
Onte abandonamos unha lectura máis antes de rematala. Neste caso tocoulle a Unha cita co aire, de F. X. Fernández Naval, chegamos tan só á páxina 30, das 204 que compoñen esta novela, tediosa para o noso gusto. E é que o noso gusto é cada vez máis intransixente, levamos ao extremo a máxima de Daniel Pennac: o dereito a deixar un libro sen rematar. Este ano xa tivemos varios abandonos: Vermello e negro, de Stendhal, El hombre que hablaba de Octavia de Cádiz, de Bryce Echenique, etc.
Antes non nos pasaba con tanta frecuencia; será cousa dos anos, que cada vez somos máis repunantes. Outro día pasaremos dos libros abandonados e falaremos dalgúns dos volumes consumados, ou consumidos, que neste caso vén sendo o mesmo.


