Author Archive

O sábado pola mañá achegámonos, de paso que iamos visitar unha parte da familia, á cidade do Lérez. Xa o ano pasado lle botaramos un ollo ás vellas ruelas cheas de xente, mais non puideramos apreciar coma esta vez o engalanado dos locais e das mesas dispostas para xantar o churrasco que florece por todas as esquinas. Disfrázase a xente e disfrázanse as cousas (ata vimos papeleiras cubertas con sacos). E, mentres paseabamos, iamos matinando na moda das festas históricas (medievais, castrexas, romanas…) que parecen agromar por todo o país. E é que a receita parece boa: referencia histórica + entroido anticipado + opíparo xantar = éxito seguro.

As fumegantes grellas e os caldeiros de polbo na alameda axudaban a configurar unha típica estampa de feira, franca, iso si.

O verán foi en xeral bastante tranquilo, o que contribuíu grandemente a que puidesemos gozar da lectura, con maior ou menor proveito. Aí van algunhas mostras:

Frío, frío, de Óscar Calato é unha crónica sinxela da adolescencia, narrada en primeira persoa por un rapaz mentres pasa o verán nun cámping coa súa familia. A cousa vai de colegas, amoríos e outras herbas. Por veces parece que o autor se inspira no Vixía no centeo, de Salinger, mais as reflexións do “prota” non acadan nin de lonxe a profundidade e a orixinalidade do enxeñoso Holden Caulfield. Podemos imaxinar o tipo de lector ao que se dirixe, non lle pidamos máis.

O descenso do derradeiro ocaso, de Ángel de la Cruz, resultou ser unha novela de intriga enmarcada na Galiza rural e adobada con xornalismo amarelo. Entretén bastante. O premio por ser a peza gañadora de novela por entregas de La Voz de Galicia no 2004, na nosa opinión é merecido.

Chegou ás nosas mans La puerta del pacífico, de Vázquez Figueroa. Cun estilo plano, sen ornamentos, engánchasenos nunha trama de espionaxe durante a Segunda Guerra Mundial, salferida por un amorío homosexual bastante orixinal, ao noso modo de ver, neste tipo de literatura.

 

Por último, e seguindo na nosa liña de ler os best seller resesos, mergullámonos no libro que máis nos gustou este verán: O club Dante, de Mathew Pearl. A mestura de novela histórica e intriga policíaca está francamente lograda e tira de ti con forza unha vez que superas as divagacións literarias do primeiro cento de páxinas. Ademais, sérveche para poñerte ao día na literatura e historia de USA no século XIX, sen esquecer que a análise da Divina Comedia, provoca tremendas ganas de fincarlle o dente á peza do mestre italiano e un certo rubor nos que aínda non a lemos.

Sexan de orde física, psicolóxica, social, sentimental ou sexual, os problemas seica teñen solución. Así, polo menos, reza o papeliño que nos deron pola rúa en Lagos. Como vedes, o meigo africano mesmo ten remedio para os cornos e os “gatillazos”. E haberá quen pique?

algarve3.jpgalgarve3.jpg

Nos días que estivemos no sur a miúdo bromeabamos co nome dunha fermosísima praia dos arredores. Así, o cativo preguntaba: A que praia imos hoxe?, ao que nos respostabamos: A Puxeiros. Logo de pensalo un pouco, o rapaz escachaba coa risa. A praia chámase Porto de Mós, e, claro, os que coñecen a bisbarra de Vigo saben que o alto (e aos lugares altos chámaselles con frecuencia portos) máis famoso á beira do concello de Mos non é outro que Puxeiros. De aí a chanza.

Por certo, a foto é preto do citado lugar, tirámola dende unha barca na que fixemos a famosa ruta das grutas (en Lagos), á que nós, tamén para rir un pouco, lle chamabamos a ruta das “brutas”.

vaiven.JPG 

“Movemento alternativo de algo en dous sentidos opostos”. Esa é en galego a definición de “vaivén” e encaixa perfectamente co nome do barquiño da foto. En Lagos, para acceder a un areal ao que lle chaman “Meia praia” (de dimensións quilométricas, así que imaxinade como será a “praia enteira”) cómpre dar un bo arrodeo para salvar o brazo de mar duns 50 m de largo e máis dun quilómetro de longo que se mete na cidade, deixando a un lado o típico paseo marítimo e ao outro os portos pesqueiro e deportivo, e a antedita praia (botádelle un ollo á imaxe tirada de Google maps para facervos unha idea). Entón, se vas a pé, tes dúas posibilidades: ir ata o quinto inferno ata encontrar unha ponte, ou coller o atallo, é dicir, montar no “vaivén”, que por 60 céntimos bascúlate na outra beira en cuestión de segundos. Así que, xa se sabe, o que sobe, baixa e o que vai… vén.lagos.jpg

bombeiros.JPG

Mirando esta imaxe, recollida en Lagos, non puidemos deixar de pensar no fermoso que sería que os bombeiros non tivesen traballo e as motobombas quedasen simplemente para adornar glorietas. De momento, no que a lumes forestais se refire, parece que o verán se presenta tranquilo. Crucemos os dedos e agardemos que así sexa.

O último que lemos por orde cronolóxica foi:

En Busca de Klingsor, de Jorge Volpi, unha novela científica cuxo maior mérito foi o de poñernos ao día sobre as personalidades da física na primeira metade do século XX. Un libro interesante que tece unha trama sobre a carreira atómica nazi.en_busca_de_klingsor.jpg

A pensión Eva, descoñecedores que somos da obra de Camilleri, pareceunos unha típica comedia italiana que trivializa a traxedia da Segunda Guerra Mundial nunha vila siciliana. Divertida.camilleri.jpg

Defraudounos un pouco Marina, de Carlos Ruiz Zafón, porque a pesar de ser capaz o autor de imprimirlle ritmo e tensión, os enxendros antagonistas (seres metade homes, metade títeres) perfiláronse ás carreiras, facendo un relato de consumo rápido. Isto último conseguiuno.marina.jpg

E rematamos cun autor galego, Antón Riveiro Coello, que N’Os ollos de K consegue construír un exercicio orixinal de literatura, a trama real camiña parella da trama ficticia que o protagonista, escritor el, vai relatando na súa última novela. Gustounos, aínda que a prosa lustrosa do limiao ás veces chega ao empalago e o argumento de novela negra en ocasións semella demasiado previsible.ollos_de_k.jpg

Nunca nos gustou ir de compras, e menos ás rebaixas. Mais, como a roupa fai falta (e os cartiños tamén), hoxe collemos o andante, escoltados polos nenos, cara ao que noutras circunstancias sería todo un calvario. Porén, non foi así. Xa ao chegar ao centro comercial notamos algo raro, había sitio abondo onde aparcar. Desconcertados, dirixímonos á primeira tenda a mercar roupa de adultos, había máis dependentas ca clientes (dúas contra un); despois fomos a outro establecemento, esta vez a por roupa de nenos, e a ecuación repetiuse, esta vez os clientes eran dous, unha nena e mais a súa nai. Por último, fomos ao híper e, afortunadamente para nós, a proporción persoal-compradores volveuse repetir. Que marabilla! Nun par de horas mercamos o necesario e aínda nos sobrou tempo para tomar un café. Conclusión: hai crise, carallo se a hai!

Esta é a colleita da mañá:

Hai tradicións institucionalizadas e outras que non, hai tradicións colectivas e outras que non, en fin, hai tradicións. Unha destas tradicións lévanos todos os anos polos montes de Xunqueira de Espadanedo a ver o rallye de Ourense. Xuntámonos un grupo de amigos, levamos comida e bebida e imos parar sempre ao mesmo sitio, unha especie de merendeiro situado na parroquia de Pardeconde. Trátase dun lugar ideal, un “locus amoenus” sementado de carballos, cun regato polo medio e presidido por unha construción de pedra á que maiormente se lle chama “chiringo” ou simplemente “bar”. Este ano só nos xuntamos dous dos seis ou sete que adoitamos ir (a xente, xa se sabe, anda ocupada, que se a familia, que se o traballo…) Aínda así pasámolo ben, comemos a fartar, algo bebemos tamén e gozamos do espectáculo e da conversa. O de menos foi que gañara o rallye Monzón e que na segunda pasada do tramo de San Pedro de Rocas circulasen un terzo dos coches inscritos. O de máis, gozar do monte e botar unhas risas cos colegas que por alí apareceron. Tan entretidos estabamos que non tiramos fotos, por iso vos poñemos esta de Javier Paz roubada de www.gzrally.com.

Un amigo mandounos este vídeo por correo electrónico e gustounos tanto que decidimos compartilo. Comprobaredes que o repertorio de tacos, aínda que repetitivo, non ten desperdicio e as referencias musicais tampouco. Seica foi gravado nun bar de Vigo (mágoa non saber onde é para pasarnos por alí e poñernos ao día).

Nota: a redacción deste blog non se fai responsable das opinións, tanto políticas coma musicais, que aparecen vertidas nesta gravación.