Author Archive

Hai xente, supoño que miúda, á que lle encanta fozar en calquera letra que vexa impresa. Moitas veces isto de andar a remexer na cartelada o único que fai é crear confusión e poñernos de mal humor, mais de cando en vez aparece alguén con ideas e fainos rir (converter un R nun P, un L nun I, etc. pode transformar “roda” en “poda”, “lodo” en “iodo”…) Ao caso, hoxe déronnos no taller un coche de substitución (e xa vai a terceira vez en ano e medio) cun rótulo que nós non viramos pero que descubriu de contado a moza da gasolineira que nos atendeu. Aínda rimos un cacho.

Cumprindo coa encarga de mer, procedemos a expoñer que fariamos se só nos quedase un día de vida:

Que canción che gustaría escoitar?

Supoño que escoitaría máis dunha, aínda que posiblemente escollería un tema que hai anos que non o poño: “Stairway to heaven”, de Led Zeppelin.

A que libro lle botarías un ollo?

Non estou seguro de que fose capaz de concentrarme na lectura de algo. Coido que elixiría algún clásico de relatos curtos, talvez Retrincos, de Castelao.

Con quen che gustaría falar?

Con toda a xente que puidese, sobre todo cos amigos e coa familia, e dentro desta cos meus pais, coa miña muller e máis que nada cos meus fillos.

Que che gustaría comer?

Por suposto, polbo á feira. Total, o colesterol non tería tempo de me amolar.

Que farías e que che queda pendente por facer?

Pendente por facer quedaríanme unha chea de cousas que non se poden facer nun día (viaxes, fundamentalmente). Creo que practicaría algo extremo, non sei, “puenting”, parapente… e tamén me daría un “revolcón” coa dona, para levar bo sabor de boca deste mundo.

Xa está, pásolles o meme a leo e os seus , Aquam latam , manuel l. rodrigues e ler arreo

Este domingo rematou a campaña por este ano dos vixías anti-lumes. Foi unha boa campaña, a teor dos resultados (si, xa sabemos que o mal tempo foi determinante, pero gústanos pensar que algo tivemos que ver). Unha vez máis gozamos das fermosas vistas dende o alto da Serra da Groba e, da man do noso coordinador Gabi, aprendemos tamén un feixe de cousas, por exemplo:

Este cogomelo, rillado por unha lesma, é unha amanita muscaria (unha das dúas especies alucinóxenas que atopamos). É altamente perigosa, aínda que ás lesmas parece que lles senta ben.

Isto son as pegadas dun teixugo. Neste lameiral atopamos tamén rastro doutros bechos, incluso dun que nin Gabi foi capaz de identificar.

Esta herbiña vermella é unha planta carnívora, segrega un líquido pegañento e ponse as botas cos insectos que quedan atrapados. Non me lembro do nome, aínda que Gabi soltounos un dos seus latinismos.

E houbo máis achádegos (cabalos salvaxes, rastros do xabarín, un faisán perdido…) A ver que nos depara o ano que vén.

Poden parecer patacas podres ou cacas de cabalo, mais “iso” é un cogomelo. Comunmente coñécese como peido de lobo e hoxe atopamos ben deles na nosa ruta de vixías anti-lumes polos montes de Vilachán (Concello de Tomiño). É unha das moitas ensinanzas que tiramos dos coordinadores e mais dos compañeiros de andaina. Tamén aprendemos, por exemplo, que o eucalipto ten inimigos, un bichiño cun nome demasiado técnico para lembralo, que os deixa máis pelados que o pau dun galiñeiro; que a carqueixa, o carrasco e a xara son plantas completamente distintas; que se lle chama ferreiriño a un paxaro porque imita o son dos ferreiros martelando no metal…

E é que, ao non haber lumes, en algo hai que pasar o tempo.

O sábado pola mañá achegámonos, de paso que iamos visitar unha parte da familia, á cidade do Lérez. Xa o ano pasado lle botaramos un ollo ás vellas ruelas cheas de xente, mais non puideramos apreciar coma esta vez o engalanado dos locais e das mesas dispostas para xantar o churrasco que florece por todas as esquinas. Disfrázase a xente e disfrázanse as cousas (ata vimos papeleiras cubertas con sacos). E, mentres paseabamos, iamos matinando na moda das festas históricas (medievais, castrexas, romanas…) que parecen agromar por todo o país. E é que a receita parece boa: referencia histórica + entroido anticipado + opíparo xantar = éxito seguro.

As fumegantes grellas e os caldeiros de polbo na alameda axudaban a configurar unha típica estampa de feira, franca, iso si.

O verán foi en xeral bastante tranquilo, o que contribuíu grandemente a que puidesemos gozar da lectura, con maior ou menor proveito. Aí van algunhas mostras:

Frío, frío, de Óscar Calato é unha crónica sinxela da adolescencia, narrada en primeira persoa por un rapaz mentres pasa o verán nun cámping coa súa familia. A cousa vai de colegas, amoríos e outras herbas. Por veces parece que o autor se inspira no Vixía no centeo, de Salinger, mais as reflexións do “prota” non acadan nin de lonxe a profundidade e a orixinalidade do enxeñoso Holden Caulfield. Podemos imaxinar o tipo de lector ao que se dirixe, non lle pidamos máis.

O descenso do derradeiro ocaso, de Ángel de la Cruz, resultou ser unha novela de intriga enmarcada na Galiza rural e adobada con xornalismo amarelo. Entretén bastante. O premio por ser a peza gañadora de novela por entregas de La Voz de Galicia no 2004, na nosa opinión é merecido.

Chegou ás nosas mans La puerta del pacífico, de Vázquez Figueroa. Cun estilo plano, sen ornamentos, engánchasenos nunha trama de espionaxe durante a Segunda Guerra Mundial, salferida por un amorío homosexual bastante orixinal, ao noso modo de ver, neste tipo de literatura.

 

Por último, e seguindo na nosa liña de ler os best seller resesos, mergullámonos no libro que máis nos gustou este verán: O club Dante, de Mathew Pearl. A mestura de novela histórica e intriga policíaca está francamente lograda e tira de ti con forza unha vez que superas as divagacións literarias do primeiro cento de páxinas. Ademais, sérveche para poñerte ao día na literatura e historia de USA no século XIX, sen esquecer que a análise da Divina Comedia, provoca tremendas ganas de fincarlle o dente á peza do mestre italiano e un certo rubor nos que aínda non a lemos.

Sexan de orde física, psicolóxica, social, sentimental ou sexual, os problemas seica teñen solución. Así, polo menos, reza o papeliño que nos deron pola rúa en Lagos. Como vedes, o meigo africano mesmo ten remedio para os cornos e os “gatillazos”. E haberá quen pique?

algarve3.jpgalgarve3.jpg

Nos días que estivemos no sur a miúdo bromeabamos co nome dunha fermosísima praia dos arredores. Así, o cativo preguntaba: A que praia imos hoxe?, ao que nos respostabamos: A Puxeiros. Logo de pensalo un pouco, o rapaz escachaba coa risa. A praia chámase Porto de Mós, e, claro, os que coñecen a bisbarra de Vigo saben que o alto (e aos lugares altos chámaselles con frecuencia portos) máis famoso á beira do concello de Mos non é outro que Puxeiros. De aí a chanza.

Por certo, a foto é preto do citado lugar, tirámola dende unha barca na que fixemos a famosa ruta das grutas (en Lagos), á que nós, tamén para rir un pouco, lle chamabamos a ruta das “brutas”.

vaiven.JPG 

“Movemento alternativo de algo en dous sentidos opostos”. Esa é en galego a definición de “vaivén” e encaixa perfectamente co nome do barquiño da foto. En Lagos, para acceder a un areal ao que lle chaman “Meia praia” (de dimensións quilométricas, así que imaxinade como será a “praia enteira”) cómpre dar un bo arrodeo para salvar o brazo de mar duns 50 m de largo e máis dun quilómetro de longo que se mete na cidade, deixando a un lado o típico paseo marítimo e ao outro os portos pesqueiro e deportivo, e a antedita praia (botádelle un ollo á imaxe tirada de Google maps para facervos unha idea). Entón, se vas a pé, tes dúas posibilidades: ir ata o quinto inferno ata encontrar unha ponte, ou coller o atallo, é dicir, montar no “vaivén”, que por 60 céntimos bascúlate na outra beira en cuestión de segundos. Así que, xa se sabe, o que sobe, baixa e o que vai… vén.lagos.jpg

bombeiros.JPG

Mirando esta imaxe, recollida en Lagos, non puidemos deixar de pensar no fermoso que sería que os bombeiros non tivesen traballo e as motobombas quedasen simplemente para adornar glorietas. De momento, no que a lumes forestais se refire, parece que o verán se presenta tranquilo. Crucemos os dedos e agardemos que así sexa.