nov
22
2009

Así, coma quen non quere a cousa, organizado coma quen di dun día para outro, xuntáronse os grupos folklóricos do Porriño diante da casa do concello. Gaiteiros, pandereteiras e bailadores espontáneos alegraron, e moito, a gris mañá invernal do domingo. Nun ambiente amigable e case familiar tocaron e cantaron dúas ou tres pezas cada un, e ao final xuntáronse todos nun estourido musical de tradición e festa. No público o que máis e o que menos tiña amigos e familiares entre os artistas (non é de estrañar, coa de xentiña que eran); eu mesmo tiña a miña dona aturuxando por alí coa pandeireta na man. Foi bonito velos, escoitalos e comprobar que nisto da música tradicional aínda hai “canteira”.
nov
08
2009

Xa leva un tempo con nós, seguramente máis do que cremos. É un sapo, e deixouse ver nas pasadas noites, cando a temperatura e a humidade lle prestaban. Agora, ao arrefriar o tempo, non sae (ou iso pensamos). Unha das veces nas que paseou por diante da porta non estaba só, un sapiño pequerrecho ía con el (ou ela), pero parece que o cativo pillou un susto ao vernos e non saíu máis. O caso é que a min estes bechos non me gustan e, como tampouco quero matalo, tentei cazalo o xoves pola noite co caldeiro da fregona e mailo recolledor de lixo (xa podedes imaxinar o patético da escena). Por suposto, non o collín e o pillabán agochouse. Agora ando a ver se merco un ganapán e son capaz de sorprendelo antes de que durma todo o inverno e volva visitarnos na primavera. Tamén descubrín que non lle gustan as fotos, así que o único que puiden conseguir foi sacar a entrada da súa casa. Cago no sapo…!