feb
22
2009

A ortografía é o que ten, confúndeste nunha letra e armáchela. A foto, á parte de mala, xa ten un tempiño (3 ou 4 meses) pero casa moi ben coas datas nas que estamos. É coma se os contedores decidisen disfrazarse de urnas. Como ben sabedes, o verbo “votar” con “V” só se emprega para unha actividade: emitir o voto; no resto dos casos o termo que se debe empregar é “botar” con “B”. Non obstante, os do concello ou os da empresa contratada polo concello non o sabían. Esperemos que os electores non lle fagan caso ao carteliño e vaian “votar” onde deben.
feb
01
2009
Xa sei que non son nada orixinal, pero sempre me gustaron os coches. Lembro uns cochiños de plástico que semanalmente me mercaba o meu padriño por unha peseta no quisco do barrio, lembro o enchufe que queimei aplicándolle uns cables a un coche de fricción, lembro o coche de “scalextric” co que me anotei nalgún campionato local, lembro o “seiscentos” e o “cento vinte e sete” nos que a unha idade inconfesable comecei a conducir, lembro o meu primeiro coche e… non fago máis que lembrar o último, porque nestes tempos de crise aínda non son quen de cambialo. Pero algúns si o fan, como o dono do da foto, que montado nos seus 130 CV chegou hoxe á miña casa para que o probase. E é que para algo están os amigos.