Este domingo rematou a campaña por este ano dos vixías anti-lumes. Foi unha boa campaña, a teor dos resultados (si, xa sabemos que o mal tempo foi determinante, pero gústanos pensar que algo tivemos que ver). Unha vez máis gozamos das fermosas vistas dende o alto da Serra da Groba e, da man do noso coordinador Gabi, aprendemos tamén un feixe de cousas, por exemplo:
Este cogomelo, rillado por unha lesma, é unha amanita muscaria (unha das dúas especies alucinóxenas que atopamos). É altamente perigosa, aínda que ás lesmas parece que lles senta ben.
Isto son as pegadas dun teixugo. Neste lameiral atopamos tamén rastro doutros bechos, incluso dun que nin Gabi foi capaz de identificar.
Esta herbiña vermella é unha planta carnívora, segrega un líquido pegañento e ponse as botas cos insectos que quedan atrapados. Non me lembro do nome, aínda que Gabi soltounos un dos seus latinismos.
E houbo máis achádegos (cabalos salvaxes, rastros do xabarín, un faisán perdido…) A ver que nos depara o ano que vén.





Entries (RSS)