O verán foi en xeral bastante tranquilo, o que contribuíu grandemente a que puidesemos gozar da lectura, con maior ou menor proveito. Aí van algunhas mostras:

Frío, frío, de Óscar Calato é unha crónica sinxela da adolescencia, narrada en primeira persoa por un rapaz mentres pasa o verán nun cámping coa súa familia. A cousa vai de colegas, amoríos e outras herbas. Por veces parece que o autor se inspira no Vixía no centeo, de Salinger, mais as reflexións do “prota” non acadan nin de lonxe a profundidade e a orixinalidade do enxeñoso Holden Caulfield. Podemos imaxinar o tipo de lector ao que se dirixe, non lle pidamos máis.

O descenso do derradeiro ocaso, de Ángel de la Cruz, resultou ser unha novela de intriga enmarcada na Galiza rural e adobada con xornalismo amarelo. Entretén bastante. O premio por ser a peza gañadora de novela por entregas de La Voz de Galicia no 2004, na nosa opinión é merecido.

Chegou ás nosas mans La puerta del pacífico, de Vázquez Figueroa. Cun estilo plano, sen ornamentos, engánchasenos nunha trama de espionaxe durante a Segunda Guerra Mundial, salferida por un amorío homosexual bastante orixinal, ao noso modo de ver, neste tipo de literatura.

 

Por último, e seguindo na nosa liña de ler os best seller resesos, mergullámonos no libro que máis nos gustou este verán: O club Dante, de Mathew Pearl. A mestura de novela histórica e intriga policíaca está francamente lograda e tira de ti con forza unha vez que superas as divagacións literarias do primeiro cento de páxinas. Ademais, sérveche para poñerte ao día na literatura e historia de USA no século XIX, sen esquecer que a análise da Divina Comedia, provoca tremendas ganas de fincarlle o dente á peza do mestre italiano e un certo rubor nos que aínda non a lemos.

4 Responses to “MÁIS LECTURAS”

  1. paideleo says:

    Vaia palabra antispam:IKEA. Bueno, parece que ledes muito. Eu de cada vez menos. O vídeo creo que sai agora. Tés que premer en Untitled.

  2. Manuel l. Rodrigues says:

    Vaites; xa se lle botaba en falta. Obrigado polas recomendacións literarias que haberá, en todo caso, que arrimarlle un ollo.

    Un saúdo e benvido ao blogomillo despois dun tempo de ausencia.

  3. O Raposo says:

    Ler sempre é un pracer: non perdas o hábito.

  4. asbeirasdoarnego says:

    Eu creo que o de frío, frío xa o había leído´ou polo menos pensei en facelo porque o vin nunha libraría de Santiago e esas pernas tan seductoras… igual o teño na casa sen leer, xa mirarei.
    Saludos amigo

Leave a Reply

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture. Click on the picture to hear an audio file of the word.
Click to hear an audio file of the anti-spam word