O verán foi en xeral bastante tranquilo, o que contribuíu grandemente a que puidesemos gozar da lectura, con maior ou menor proveito. Aí van algunhas mostras:
Frío, frío, de Óscar Calato é unha crónica sinxela da adolescencia, narrada en primeira persoa por un rapaz mentres pasa o verán nun cámping coa súa familia. A cousa vai de colegas, amoríos e outras herbas. Por veces parece que o autor se inspira no Vixía no centeo, de Salinger, mais as reflexións do “prota” non acadan nin de lonxe a profundidade e a orixinalidade do enxeñoso Holden Caulfield. Podemos imaxinar o tipo de lector ao que se dirixe, non lle pidamos máis.
O descenso do derradeiro ocaso, de Ángel de la Cruz, resultou ser unha novela de intriga enmarcada na Galiza rural e adobada con xornalismo amarelo. Entretén bastante. O premio por ser a peza gañadora de novela por entregas de La Voz de Galicia no 2004, na nosa opinión é merecido.
Chegou ás nosas mans La puerta del pacífico, de Vázquez Figueroa. Cun estilo plano, sen ornamentos, engánchasenos nunha trama de espionaxe durante a Segunda Guerra Mundial, salferida por un amorío homosexual bastante orixinal, ao noso modo de ver, neste tipo de literatura.
Por último, e seguindo na nosa liña de ler os best seller resesos, mergullámonos no libro que máis nos gustou este verán: O club Dante, de Mathew Pearl. A mestura de novela histórica e intriga policíaca está francamente lograda e tira de ti con forza unha vez que superas as divagacións literarias do primeiro cento de páxinas. Ademais, sérveche para poñerte ao día na literatura e historia de USA no século XIX, sen esquecer que a análise da Divina Comedia, provoca tremendas ganas de fincarlle o dente á peza do mestre italiano e un certo rubor nos que aínda non a lemos.







Entries (RSS)