“Movemento alternativo de algo en dous sentidos opostos”. Esa é en galego a definición de “vaivén” e encaixa perfectamente co nome do barquiño da foto. En Lagos, para acceder a un areal ao que lle chaman “Meia praia” (de dimensións quilométricas, así que imaxinade como será a “praia enteira”) cómpre dar un bo arrodeo para salvar o brazo de mar duns 50 m de largo e máis dun quilómetro de longo que se mete na cidade, deixando a un lado o típico paseo marítimo e ao outro os portos pesqueiro e deportivo, e a antedita praia (botádelle un ollo á imaxe tirada de Google maps para facervos unha idea). Entón, se vas a pé, tes dúas posibilidades: ir ata o quinto inferno ata encontrar unha ponte, ou coller o atallo, é dicir, montar no “vaivén”, que por 60 céntimos bascúlate na outra beira en cuestión de segundos. Así que, xa se sabe, o que sobe, baixa e o que vai… vén.
Archive for xullo, 2008Mirando esta imaxe, recollida en Lagos, non puidemos deixar de pensar no fermoso que sería que os bombeiros non tivesen traballo e as motobombas quedasen simplemente para adornar glorietas. De momento, no que a lumes forestais se refire, parece que o verán se presenta tranquilo. Crucemos os dedos e agardemos que así sexa. O último que lemos por orde cronolóxica foi: En Busca de Klingsor, de Jorge Volpi, unha novela científica cuxo maior mérito foi o de poñernos ao día sobre as personalidades da física na primeira metade do século XX. Un libro interesante que tece unha trama sobre a carreira atómica nazi. A pensión Eva, descoñecedores que somos da obra de Camilleri, pareceunos unha típica comedia italiana que trivializa a traxedia da Segunda Guerra Mundial nunha vila siciliana. Divertida. Defraudounos un pouco Marina, de Carlos Ruiz Zafón, porque a pesar de ser capaz o autor de imprimirlle ritmo e tensión, os enxendros antagonistas (seres metade homes, metade títeres) perfiláronse ás carreiras, facendo un relato de consumo rápido. Isto último conseguiuno. E rematamos cun autor galego, Antón Riveiro Coello, que N’Os ollos de K consegue construír un exercicio orixinal de literatura, a trama real camiña parella da trama ficticia que o protagonista, escritor el, vai relatando na súa última novela. Gustounos, aínda que a prosa lustrosa do limiao ás veces chega ao empalago e o argumento de novela negra en ocasións semella demasiado previsible. Nunca nos gustou ir de compras, e menos ás rebaixas. Mais, como a roupa fai falta (e os cartiños tamén), hoxe collemos o andante, escoltados polos nenos, cara ao que noutras circunstancias sería todo un calvario. Porén, non foi así. Xa ao chegar ao centro comercial notamos algo raro, había sitio abondo onde aparcar. Desconcertados, dirixímonos á primeira tenda a mercar roupa de adultos, había máis dependentas ca clientes (dúas contra un); despois fomos a outro establecemento, esta vez a por roupa de nenos, e a ecuación repetiuse, esta vez os clientes eran dous, unha nena e mais a súa nai. Por último, fomos ao híper e, afortunadamente para nós, a proporción persoal-compradores volveuse repetir. Que marabilla! Nun par de horas mercamos o necesario e aínda nos sobrou tempo para tomar un café. Conclusión: hai crise, carallo se a hai! Esta é a colleita da mañá: |


Entries (RSS)