Archive for xuño, 2008

Hai tradicións institucionalizadas e outras que non, hai tradicións colectivas e outras que non, en fin, hai tradicións. Unha destas tradicións lévanos todos os anos polos montes de Xunqueira de Espadanedo a ver o rallye de Ourense. Xuntámonos un grupo de amigos, levamos comida e bebida e imos parar sempre ao mesmo sitio, unha especie de merendeiro situado na parroquia de Pardeconde. Trátase dun lugar ideal, un “locus amoenus” sementado de carballos, cun regato polo medio e presidido por unha construción de pedra á que maiormente se lle chama “chiringo” ou simplemente “bar”. Este ano só nos xuntamos dous dos seis ou sete que adoitamos ir (a xente, xa se sabe, anda ocupada, que se a familia, que se o traballo…) Aínda así pasámolo ben, comemos a fartar, algo bebemos tamén e gozamos do espectáculo e da conversa. O de menos foi que gañara o rallye Monzón e que na segunda pasada do tramo de San Pedro de Rocas circulasen un terzo dos coches inscritos. O de máis, gozar do monte e botar unhas risas cos colegas que por alí apareceron. Tan entretidos estabamos que non tiramos fotos, por iso vos poñemos esta de Javier Paz roubada de www.gzrally.com.