12 Maio 2008

PRIMEIRO DÍA DE “VOLUNTA”

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 12:25 am

A primeira xornada deste ano no “Voluntariado en defensa do monte galego” deu bastante de si. Tanto é, que deberiamos acabar ás dúas da tarde, e acabamos ás catro. Logo de reunirnos ás dez na praza do Concello de Tomiño, fomos ata un local que o servizo de voluntariado está a piques de estrear, alí déronnos o material acostumado (mochila, gorra, luvas, chaleco “fosforito”, etc.) e unha pequena clase teórica sobre cales eran as nosas funcións. A continuación montamos nos “Nissan” de aluguer e tiramos cara ao monte. Alí arriba (na Serra da Groba, a cincocentos e pico metros) ía bastante frío, así que puxémonos a andar, falar, andar… ata que se nos fixo tarde. Entón, os coordinadores foron polos coches e viñéronnos buscar. Ata aquí todo ía ben, cun pouco de atraso, pero máis nada. Os problemas viñeron cando as enlamadas pistas non permitían que os coches pasasen; en varias ocasións baixamos, demos volta, metémonos por outros carreiros e ata fixemos de “zapadores”, preparando o paso dos todo terreo por entre os piñeiros. Foi o ingrediente aventureiro que faltaba para completar unha interesante mañá, que comezou coas fermosas vistas do atlántico dende os esgrevios montes da Groba.

3 Comentarios »

  1. Fermosas vistas, sí señor. Pero ademáis, ¿que facedes en concreto? ¿Vixiancia, control de lixo,…?

    Comentario por Mer — 13 Maio 2008 @ 12:08 pm

  2. O que facemos, basicamente, é vixiar calquera rastro de fume que poida haber e notificalo inmediatamente. Ademais, de paso, tamén recollemos lixo, que bastante hai por eses montes de deus.

    Comentario por paidovento — 14 Maio 2008 @ 4:41 pm

  3. Ola Paidovento: É un pracer visitar esta túa casa.
    Noraboa polo voluntariado, paréceme un labor encomiable e necesario. Vexo que a aventura tamén forma parte do labor. Xa nos contarás da novedades de interese que che depare esta tarefa.
    Unha aperta.

    Comentario por Manuel Busto — 19 Maio 2008 @ 12:32 am

Fonte RSS para os comentarios desta anotación. | TrackBack URI

Deixa un comentario

XHTML ( You can use these tags): <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong> .

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image