12 Maio 2008

PRIMEIRO DÍA DE “VOLUNTA”

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 12:25 am

A primeira xornada deste ano no “Voluntariado en defensa do monte galego” deu bastante de si. Tanto é, que deberiamos acabar ás dúas da tarde, e acabamos ás catro. Logo de reunirnos ás dez na praza do Concello de Tomiño, fomos ata un local que o servizo de voluntariado está a piques de estrear, alí déronnos o material acostumado (mochila, gorra, luvas, chaleco “fosforito”, etc.) e unha pequena clase teórica sobre cales eran as nosas funcións. A continuación montamos nos “Nissan” de aluguer e tiramos cara ao monte. Alí arriba (na Serra da Groba, a cincocentos e pico metros) ía bastante frío, así que puxémonos a andar, falar, andar… ata que se nos fixo tarde. Entón, os coordinadores foron polos coches e viñéronnos buscar. Ata aquí todo ía ben, cun pouco de atraso, pero máis nada. Os problemas viñeron cando as enlamadas pistas non permitían que os coches pasasen; en varias ocasións baixamos, demos volta, metémonos por outros carreiros e ata fixemos de “zapadores”, preparando o paso dos todo terreo por entre os piñeiros. Foi o ingrediente aventureiro que faltaba para completar unha interesante mañá, que comezou coas fermosas vistas do atlántico dende os esgrevios montes da Groba.