30 Maio 2008

TERTULIA EUROVISIVA

Arquivado en: Lingua e literatura, vivencias — paidovento @ 7:51 pm

Un amigo mandounos este vídeo por correo electrónico e gustounos tanto que decidimos compartilo. Comprobaredes que o repertorio de tacos, aínda que repetitivo, non ten desperdicio e as referencias musicais tampouco. Seica foi gravado nun bar de Vigo (mágoa non saber onde é para pasarnos por alí e poñernos ao día).

Nota: a redacción deste blog non se fai responsable das opinións, tanto políticas coma musicais, que aparecen vertidas nesta gravación.

24 Maio 2008

UN DÍA DE CANS

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 5:42 pm

Hoxe sábado, pola mañá, achegámonos ata o Festival de Cans, por “cheirar” (coma os cans) que se cocía por alí. Asistimos á actuación da banda do Porriño, cun repertorio cheo de referencias cinematográficas (a Pantera Rosa, 007…), albiscamos caras ben coñecidas da TVG, parolamos con amigos, corremos atrás dos nenos… e aturamos unha chuvia tan necesaria coma molesta. Tamén lles mercamos aos cativos cadansúa chapa da protectora de animais local, que aproveitou o nome cuadrúpede do festival para recadar fondos. Xa que logo, e aínda que só estivemos ata a hora do xantar, podemos afirmar, cheos de razón, que foi un “día de cans”.

Para os que pensan acudir sen coller o ”chimpibus”, que saiban que a organización ciscou planos polos valados para que non se perdan no medio do “agroglamour”.

21 Maio 2008

MÁIS VALE TARDE CA NUNCA

Arquivado en: Lingua e literatura — paidovento @ 9:33 pm

O 17 de maio tiña que colgar aquí esta fermosa poesía de Celso Emilio. Síntoo, pero, o dito, máis vale tarde ca nunca.

Para compensar a tardanza, déixovos unha interesante adaptación musical dun poema de Álvarez Blázquez feita por Marcos Legazpi e Marta Quintana, a que máis me gustou das recomendadas por paideleo. Podedes ver o resto das “palabras liberadas” na web da biblioteca do Porriño.

DEITADO FRENTE Ó MAR…

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,

14 Maio 2008

BLOGUES POLA LINGUA. ADHERÍDEVOS!

Arquivado en: Lingua e literatura — paidovento @ 11:27 pm

Un grupo de blogueiros acaban de montar esta oportuna resposta á hipocrisía dalgúns que se fan chamar “gallegos”. Adhírete, nós xa o fixemos.

12 Maio 2008

PRIMEIRO DÍA DE “VOLUNTA”

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 12:25 am

A primeira xornada deste ano no “Voluntariado en defensa do monte galego” deu bastante de si. Tanto é, que deberiamos acabar ás dúas da tarde, e acabamos ás catro. Logo de reunirnos ás dez na praza do Concello de Tomiño, fomos ata un local que o servizo de voluntariado está a piques de estrear, alí déronnos o material acostumado (mochila, gorra, luvas, chaleco “fosforito”, etc.) e unha pequena clase teórica sobre cales eran as nosas funcións. A continuación montamos nos “Nissan” de aluguer e tiramos cara ao monte. Alí arriba (na Serra da Groba, a cincocentos e pico metros) ía bastante frío, así que puxémonos a andar, falar, andar… ata que se nos fixo tarde. Entón, os coordinadores foron polos coches e viñéronnos buscar. Ata aquí todo ía ben, cun pouco de atraso, pero máis nada. Os problemas viñeron cando as enlamadas pistas non permitían que os coches pasasen; en varias ocasións baixamos, demos volta, metémonos por outros carreiros e ata fixemos de “zapadores”, preparando o paso dos todo terreo por entre os piñeiros. Foi o ingrediente aventureiro que faltaba para completar unha interesante mañá, que comezou coas fermosas vistas do atlántico dende os esgrevios montes da Groba.