Xa levaba meses unha coñecida, moi faladeira ela, insistíndonos en que tiñamos que botarlle un ollo ao libro de texto que usaba cando ía á escola alá polos anos 50. E hai dúas semanas coincidimos ao lado da súa casa, pillounos por banda e prestóunolo para que puidésemos contemplar a curiosidade. Non é que estivésemos moi interesados en empregar este tocho como libro de cabeceira, pero cando alguén insiste en que vexas algo suponse que é porque valora a túa opinión, e por iso accedemos a ollalo, dándolle as grazas pola súa confianza.
Trátase dun libro que contén todas as materias de estudo que daquela había: historia, xeografía, matemáticas, relixión (faltaría máis)… con exercicios incluídos. Vaia, que postos a pensar, sería unha boa maneira de que a Xunta aforrase cartos en libros de texto e de que os rapaces levasen menos peso nas mochilas.