Escribo en quente. Acabo de poñer a tele e, para variar, quedo fitando para ela coa boca aberta. O motivo, unha moza na serie “Libro de familia” (que non sigo, creo que afortunadamente) falando nun perfecto español (iso si, coa impronta da fonética do país). Mentres sigo papando moscas, aparece na caixa boba un individuo vestido de avogado falando tamén en español. Non aturo máis e póñome a escribir. Vale que a serie sexa “de época”, vale que esta pretenda ser “realista”, pero o que non vale é que a estas alturas nos metan gato por lebre. Mesmo parece que o guionista, que non sei quen é pero a partir de agora preocupareime de sabelo, pertence a “Galicia bilingüe”. Noxo de país.
CASTELÁN NA TVG
PREMIO “Que te pique un pollo”
D’agoladaacaba de concedernos un valiosísimo premio, sobre todo porque é o primeiro. Seica se chama “que te pique un pollo” e seica llo hai que dar a como mínimo sete blogs que che parezan merecentes del. Pois ben, os nosos galardoados son (supoño que algúns xa o recibiron):
ESTREMADURA (3). O CEMITERIO ALEMÁN
O mosteiro de Yuste, ou o que queda del, está situado nun fermoso lugar cheo de oliveiras, sobreiras, carballos… Trátase dunha ladeira montañosa cunha paisaxe non habitual nas terras estremeñas. Non é de estrañar que o emperador Carlos V elixise o lugar para retirarse e pasar alí o tempo que lle quedaba de vida. Na subida ao mosteiro, que fixemos a pé dende Cuacos de Yuste (un paseíño de menos de 2 km) atopamos, sen querer, un cemiterio, nada menos que un cemiterio alemán. Ao parecer, entre os gobernos español e xermano decidiron trasladar alí os restos dos soldados alemáns mortos en España durante a primeira e a segunda guerra mundial. Supoñemos que acordarían soterralos precisamente alí por ser a última morada de Carlos V, aínda que tamén supoñemos que aos familiares dos mortos lles pracería máis que lles repatriasen os cadáveres, ou o que quedase deles.
“ENCICLOPEDIA ÁLVAREZ. TERCER GRADO”
Xa levaba meses unha coñecida, moi faladeira ela, insistíndonos en que tiñamos que botarlle un ollo ao libro de texto que usaba cando ía á escola alá polos anos 50. E hai dúas semanas coincidimos ao lado da súa casa, pillounos por banda e prestóunolo para que puidésemos contemplar a curiosidade. Non é que estivésemos moi interesados en empregar este tocho como libro de cabeceira, pero cando alguén insiste en que vexas algo suponse que é porque valora a túa opinión, e por iso accedemos a ollalo, dándolle as grazas pola súa confianza.
Trátase dun libro que contén todas as materias de estudo que daquela había: historia, xeografía, matemáticas, relixión (faltaría máis)… con exercicios incluídos. Vaia, que postos a pensar, sería unha boa maneira de que a Xunta aforrase cartos en libros de texto e de que os rapaces levasen menos peso nas mochilas.
ESTREMADURA (2). CITA A CEGAS
Saíu ben, moi ben. Reservamos por teléfono un hostal que na arañeira non aparece por ningures. As únicas referencias que tiñamos eran da dona do establecemento, que insistía en que estaba todo “limpito”. E… non mentía. Estivemos coma nunca: durmimos ben, comemos aínda mellor e parolamos longo e tendido con Agustín e Antonia, os donos do local. Cando nos despedimos, dixémoslles que habiamos volver e que lle fariamos publicidade de balde. Como o prometido é débeda, aí vai:
Chámase Hostal La Higuera, está situado nunha aldeíña chamada Pago de San Clemente (a 11 km de Trujillo). Cómese comida caseira e o trato é amable; todo isto nun ambiente de tranquilidade (e por un prezo bárbaro).
