Ás veces haiche moito que ver ben preto da túa casa. O domingo preparamos unha excursión “expres” ao Faro de Budiño, os nenos non o coñecían e nós había tempo que non iamos por alí. Gustounos pasear polo medio dos impresionantes penedos que mesmo parece que quedaron uns con outros para faceren unha xuntanza alí no alto do monte. Tamén nos gustou recrear a vista e admirar os arredores no que case parecía unha panorámica aérea. E, como no monte sempre se descobren cousas, nós achamos un agocho de película: a chamada “cova dos nenos”. A sogra, que ía canda nós, leu no cartel “a cova dos demos”. Aínda rimos un pouco polo dobre sentido que se lle pode atopar; e así, rindo, entraron os nenos na cova para facerlle honor ao nome.
17 Marzo 2008