12 Marzo 2008

FEALDADE

Arquivado en: Lingua e literatura, vivencias — paidovento @ 8:47 pm

Hai xa tempo que tiñamos pensado sacar esta foto e pensabamos que non iamos chegar a tempo, crendo que o Concello repararía o despropósito antes de facermos a instantánea. Pero non, a rampla que sobe a ningures segue aí, para atraer as miradas dos curiosos. A desfeita, coma case todo na vida, ten unha explicación: antes a rampla tiña entrada e saída, pero polo visto máis dun, logo dunha noite de xeada, caeu de cu (ou de fociños, vai ti saber…) e o Concello, curándose en saúde, tapiou este acceso e abriu outro con menos risco para as nádegas e os dentes dos viandantes. A isto moitos chamaranlle “feísmo”; nós optamos polo único substantivo correcto, fealdade. E é que “feísmo” parécenos unha palabra ben “fea”.