24 Marzo 2008

ESTREMADURA (1). SIMBOLOXÍA CADUCA.

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 5:59 pm

Logo dun ben merecido descanso por terras estremeñas, facemos balance da visita, balance positivo, claro está.

Entre as curiosidades, que hai moitas, desta terra veciña de Portugal, atopamos a primeira nada máis chegar ao hostal rural no que nos aloxamos, nos arredores de Trujillo. Xusto ao lado do establecemento, nunha casiña baixa, atopamos esta evocadora placa dun pasado que xa deberiamos ir cualificando de remoto. Como vedes, a Lei de memoria histórica non chega a todas partes.

estremadura1.JPG

17 Marzo 2008

LUZ E TEBRAS NO FARO DE BUDIÑO

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 5:25 pm

Ás veces haiche moito que ver ben preto da túa casa. O domingo preparamos unha excursión “expres” ao Faro de Budiño, os nenos non o coñecían e nós había tempo que non iamos por alí. Gustounos pasear polo medio dos impresionantes penedos que mesmo parece que quedaron uns con outros para faceren unha xuntanza alí no alto do monte. Tamén nos gustou recrear a vista e admirar os arredores no que case parecía unha panorámica aérea. E, como no monte sempre se descobren cousas, nós achamos un agocho de película: a chamada “cova dos nenos”. A sogra, que ía canda nós, leu no cartel “a cova dos demos”. Aínda rimos un pouco polo dobre sentido que se lle pode atopar; e así, rindo, entraron os nenos na cova para facerlle honor ao nome.

12 Marzo 2008

FEALDADE

Arquivado en: Lingua e literatura, vivencias — paidovento @ 8:47 pm

Hai xa tempo que tiñamos pensado sacar esta foto e pensabamos que non iamos chegar a tempo, crendo que o Concello repararía o despropósito antes de facermos a instantánea. Pero non, a rampla que sobe a ningures segue aí, para atraer as miradas dos curiosos. A desfeita, coma case todo na vida, ten unha explicación: antes a rampla tiña entrada e saída, pero polo visto máis dun, logo dunha noite de xeada, caeu de cu (ou de fociños, vai ti saber…) e o Concello, curándose en saúde, tapiou este acceso e abriu outro con menos risco para as nádegas e os dentes dos viandantes. A isto moitos chamaranlle “feísmo”; nós optamos polo único substantivo correcto, fealdade. E é que “feísmo” parécenos unha palabra ben “fea”.