Nunca nos encantou ir á praia, polo menos dende que imos en familia (toallas, sombrilla, xoguetes dos nenos, area pegada ao corpo, marea alta, moita xente nas duchas, nos bancos… na praia). Porén este sábado foivos ben distinto. O ceo estaba toldado, pero a temperatura desta primavera anticipada era ideal, mais o que realmente resultou ideal foi a ausencia case total de xente. Demasiadas veces temos visto o areal de Lourido (ou Praia América, se se quere) cheo a rebosar de carne deitada, a remollo ou buscando sitio para asumir algún dos estados anteriores; no entanto, o sábado (non sabemos, quizais pola falta de sol) a fermosa baía desprendía paz e soidade, unha marabillosa soidade. Non puidemos resistirnos a premer o botón da cámara. Aí van dúas mostras para os incrédulos: a da primavera e a da soidade.
26 Febreiro 2008