3 Febreiro 2008

SÁBADO DE ENTRADA

Arquivado en: Lingua e literatura, vivencias — paidovento @ 5:28 am

No Val da Louriña vívese con paixón o entroido (e os que somos ourensáns estamos acreditados para afirmalo). As comparsas soen ser orixinais e divertidas, coma a da foto, que pode simbolizar a “entrada” (repárese na xiringa traseira); é dicir, o “entroido”, termo que procede do latín “introitum” e que vén significando “entrada” nese sacrosanto período da coresma no que segundo a igrexa non se debía comer carne. Isto, máis ou menos, é do dominio público. O que non o é tanto é que en castelán tamén hai “antruejo” e “antruido”, palabras estas ás que foi substituíndo “carnaval”, aínda que todas ao final veñan significando o mesmo. A saber, “antruejo” fai referencia aos tres días de “carnestolendas” (do latín “carnis” -carne- e “tollere” -quitar-) e “carnaval” incide no mesmo (do italiano “carnevale”, e este do latín “carnem levare” -quitar a carne-). Que obsesión a da Igrexa coa carne! Xa parecen os médicos co colesterol.