Nunca nos encantou ir á praia, polo menos dende que imos en familia (toallas, sombrilla, xoguetes dos nenos, area pegada ao corpo, marea alta, moita xente nas duchas, nos bancos… na praia). Porén este sábado foivos ben distinto. O ceo estaba toldado, pero a temperatura desta primavera anticipada era ideal, mais o que realmente resultou ideal foi a ausencia case total de xente. Demasiadas veces temos visto o areal de Lourido (ou Praia América, se se quere) cheo a rebosar de carne deitada, a remollo ou buscando sitio para asumir algún dos estados anteriores; no entanto, o sábado (non sabemos, quizais pola falta de sol) a fermosa baía desprendía paz e soidade, unha marabillosa soidade. Non puidemos resistirnos a premer o botón da cámara. Aí van dúas mostras para os incrédulos: a da primavera e a da soidade.
ASÍ DÁ GUSTO IR Á PRAIA
LECTURAS
![]()
![]()
Logo de rematar lecturas “obrigadas”, como “The picture of Dorian Gray”, de Oscar
Wilde (unha versionciña adaptada para estudantes de idiomas) , clásico ao que, como tal, sempre se lle tira proveito; por fin imos encetar a novela que chamaba por nós dende o andel hai case un mes: La sombra del viento, de Carlos Ruiz Zafón. A novela en cuestión perséguenos, e non dende hai un mes, senón uns cinco anos. A primeira vez que soubemos que existía ocorreu alá pola Semana Santa do 2003 cando, acubillados no tren que cobre o traxecto entre Almusafes e Valencia, observamos unha moza concentrada na lectura de “L’ombra del vent”, a versión en catalá. Fixámonos no libriño porque xa tiñamos referencias, e boas, do autor; leramos del “O príncipe da brétema”, a tradución ao galego dunha novela xuvenil cun inusitado talento neste tipo de publicacións. Ese mesmo ano, na feira do libro de Ourense, descubrimos que o volume era xa daquela un supervendas en todo o estado. O ano pasado decidimos agasallar a un amigo con esta reliquia, con tan boa sorte que xa o lera. Pois ben, hai case un mes, con motivo do noso aniversario, o amigo en cuestión tivo a fantástica idea de devolvernos o presente, co cal o efecto búmerang se completou. Hoxe fincámoslle o dente, esperamos que non nos defraude.
SÁBADO DE ENTRADA
No Val da Louriña vívese con paixón o entroido (e os que somos ourensáns estamos acreditados para afirmalo). As comparsas soen ser orixinais e divertidas, coma a da foto, que pode simbolizar a “entrada” (repárese na xiringa traseira); é dicir, o “entroido”, termo que procede do latín “introitum” e que vén significando “entrada” nese sacrosanto período da coresma no que segundo a igrexa non se debía comer carne. Isto, máis ou menos, é do dominio público. O que non o é tanto é que en castelán tamén hai “antruejo” e “antruido”, palabras estas ás que foi substituíndo “carnaval”, aínda que todas ao final veñan significando o mesmo. A saber, “antruejo” fai referencia aos tres días de “carnestolendas” (do latín “carnis” -carne- e “tollere” -quitar-) e “carnaval” incide no mesmo (do italiano “carnevale”, e este do latín “carnem levare” -quitar a carne-). Que obsesión a da Igrexa coa carne! Xa parecen os médicos co colesterol.