17 Xaneiro 2008

APARCAMENTO EN LIÑA

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 8:47 pm

discoverer.jpgCumpríronse dez anos o domingo da desfeita do “Discoverer Enterprise” na ría de Ferrol. Unha noite de temporal, e quizais (non o sabemos) un exceso de relaxación dos operarios de Astano, hoxe Navantia, provocou que aquel barquiño mercante rachase amarras e fose parar contra a ponte das Pías, daquela a principal conexión de Ferrol co resto do mundo. Por aquel entón nós morabamos por alí, concretamente no fermoso lugar de Maniños (Fene), nun soleado piso con vistas ao mar. Á mañá seguinte do suceso, coma centos de curiosos, fomos ata a “zona cero” e, de verdade, o espectáculo era para flipar, o mar estaba en calma e parecía mesmamente coma se a un ousado construtor se lle ocorrese plantar no medio e medio da ponte un edificio de dez andares.

Hoxe, dende a prudente distancia que nos outorga o tempo, e visto así dende arriba, o que nos evoca a imaxe é un aparcamento. Coma se ao patrón do barco, farto de ”estacionar” sempre en batería, lle apetecese facelo máis dificil e aparcou en liña. Iso si, calculou mal e subiu ao “bordillo”.