1 Decembro 2007

FERRÍN E AS SINATURAS

Arquivado en: Lingua e literatura — paidovento @ 4:46 am

arraianos.jpgLemos en Vieiros, cunha mestura de ledicia e abraio, que por enésima vez será presentada a candidatura de Xosé Luís Méndez Ferrín para o Nobel de literatura. Ledicia, porque ben merecido o ten (aínda que a competencia é grande) e abraio, porque seica ao expediente presentado polo Pen Clube de Galicia engádenselle 3400 sinaturas recollidas entre os seus paisanos de Celanova. Non sabemos se as sinaturas servirán para algo máis que para facer vulto e, sinceramente, agardamos que non. Se a concesión do Nobel se rexese por criterios coma este, o premio sería calquera cousa agás un premio literario, calquera personaxe mediático cun certo tirón e con algo publicado (cousa ben doada) xa o tería no peto. Por outra parte, cae de caixón que os idiomas homenaxeados serían sempre os mesmos; os minoritarios coma o noso dende logo que non. Un xenio coma Ferrín, que deu ao prelo aos 19 anos Percival e outras historias, que creou un universo narrativo propio, que cultivou con acerto a poesía e o ensaio, que nos deleitou tantas veces co seu verbo orixinal, creativo, elaborado e mesmo provocador, precisa acaso dun mangado de firmas para ver recoñecido o seu labor? Claramente, non. A literatura é lectura, non sinatura.