27 Decembro 2007

ANTIGÜIDADES

Arquivado en: Sen clasificar — paidovento @ 8:34 pm

Pasamos a Noiteboa na casa da familia política, ou familia “brava”, como lle gusta chamar a un tío da nosa muller. Comemos, bebemos, parolamos… e aproveitamos para tirar fotos coma esta, un fermoso Renault 4-4 do ano 1951, propiedade dun tío “bravo” ao que lle encantan os coches vellos, perdón, antigos.

renault-4-4.JPG

23 Decembro 2007

O PODER DA ESCRITA

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 3:14 am

Poderiamos colgar unha típica postal de Nadal, con bonecos de neve, estrelas no ceo, papás noeis e cursiladas dese tipo, mais optamos por sermos, cando menos, orixinais. A ver se, xa que non tocou a lotaría, polo menos despedimos o ano cun sorriso. As imaxes chegáronnos por correo “lestrónico” e a que máis nos gusta é a primeira. Felices festas!

albanel.JPG

roubados.JPG

9 Decembro 2007

HIMNOS E ANIVERSARIOS

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 3:59 am

Estamos de aniversario. Cúmprense 5 anos e o himno que estoura nas gorxas vén sendo… “parabéns para ti nesta data feliz, moitas felicidades…” Non, non nos trabucamos. Que nos perdoen Pondal e Veiga, pero na lista de prioridades hoxe o “cumpre” máis importante foi a da nosa pequerrecha. Hoxe os “rumorosos” foron un mangado de ananos con pilas duracel que nos amenizaron a tarde, e a “costa verdecente” nin foi costa nin verdecente, senón o garaxe da casa disposto para a ocasión. E é que en cuestión de anos, ás veces poden máis 5 ca 100.

cumpre.JPG

1 Decembro 2007

FERRÍN E AS SINATURAS

Arquivado en: Lingua e literatura — paidovento @ 4:46 am

arraianos.jpgLemos en Vieiros, cunha mestura de ledicia e abraio, que por enésima vez será presentada a candidatura de Xosé Luís Méndez Ferrín para o Nobel de literatura. Ledicia, porque ben merecido o ten (aínda que a competencia é grande) e abraio, porque seica ao expediente presentado polo Pen Clube de Galicia engádenselle 3400 sinaturas recollidas entre os seus paisanos de Celanova. Non sabemos se as sinaturas servirán para algo máis que para facer vulto e, sinceramente, agardamos que non. Se a concesión do Nobel se rexese por criterios coma este, o premio sería calquera cousa agás un premio literario, calquera personaxe mediático cun certo tirón e con algo publicado (cousa ben doada) xa o tería no peto. Por outra parte, cae de caixón que os idiomas homenaxeados serían sempre os mesmos; os minoritarios coma o noso dende logo que non. Un xenio coma Ferrín, que deu ao prelo aos 19 anos Percival e outras historias, que creou un universo narrativo propio, que cultivou con acerto a poesía e o ensaio, que nos deleitou tantas veces co seu verbo orixinal, creativo, elaborado e mesmo provocador, precisa acaso dun mangado de firmas para ver recoñecido o seu labor? Claramente, non. A literatura é lectura, non sinatura.