9 Novembro 2007

DOS CABAZOS ÁS CASTAÑAS

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 1:40 pm

lume.gifNunca nos gustaron excesivamente os cabazos, calacús… ou como lle queirades chamar. Son viscosos por dentro e o cheiro que despiden tampouco é gran cousa. Tampouco nos gustan as tradicións importadas como o Haloween ou Samaín (que, para nós, vén sendo o mesmo can con distinto colar). O Samaín é un bo intento de vernizar de autóctono algo que “a ollos vistos” nos veu de fóra, ou se non, alguén oíu falar desa suposta festa celta antes de que os ianquis nos vendesen o seu Haloween? Do que oímos falar, seguramente, é de que os nosos pais ou avós, tan amigos eles de troulear, asustaban ao persoal que andaba polas corredoiras nas noites de inverno, usando o que tiñan a man, sabas, velas e cabazos. Mais diso aos disfraces dos nenos tipo “scream” hai un treito. Con todo, quizais a estratexia do verniz non sexa mala idea. Igual somos quen de inventar un “Tío Xanciño”, por exemplo, para xustificar a presenza de Papá Noel polo Nadal. Pero, esquezámonos dos cabazos e pensemos nas castañas, que xa está aquí o San Martiño para facermos o magosto. A disfrutar e.. moito ollo co lume!