26 Novembro 2007

O PRACER DA LECTURA

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 12:16 am

Remexendo entre as fotos dunha fin de semana intensa, atopamos a do noso cativo exercitando a súa actividade favorita, ler. Hoxe, mentres agardabamos polos postres no balbordo dun animado xantar familiar, botamos en falta o aludido, fomos dar unha volta e “eureka”, aí o estaba, aproveitando as raiolas de sol para seguirlle a pista ás aventuras de Tintín. Tirámoslle un par de fotos e volvemos á mesa; el nin se decatou da nosa presenza. Iso si, avisámolo cando chegou o postre; tanto “desghaste” merece un premio.

lendo.JPG

18 Novembro 2007

MEME 8

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 1:17 am

Tarde, mal e arrastro, cumprimos coa encarga de paideleo. Falaremos, xa que logo, de oito cousas que nos gustan, a saber:

Gústanos o plural de modestia. Aínda que adoite escribir un só, preferimos usar a primeira persoa de plural, por nada en especial, quizais por inercia (o primeiro post escribímolo deste xeito).

Gústanos a familia, tanto ascendente coma descendente. Por suposto, os nenos son a principal referencia, vivimos con eles e para eles, e as súas trasnadas tamén animan, ás veces de máis. Polo que se refire ao resto da familia, especialmente

os pais, sempre estamos a pensar que os vemos pouco (e o malo é que poida que sexa certo).

xmiranda.jpgGústannos os amigos, sobre todo os de verdade. Encántanos a festa e a boa conversa.

Gústannos as vacacións, as viaxes en coche e os bares de estrada (non as áreas de servizo das autoestradas).

Gústanos a lectura, a de aquí e máis a de alá (acabamos de rematar As mans do medo de Xosé Miranda e xa encetamos Anxos e demos de Dan Brown).danbrown.jpg

Gústannos os animais. Os cativos hai tempo que andan a rillarnos a cabeza para que collamos un can, e o maior xa ten clara a súa vocación: veterinario.

Gústannos os coches e as motos. Si, xa sei que somos ben superficiais, pero é algo instintivo, unha debilidade (mágoa da falta de cartos).

Gústanos o monte (xa se sabe para onde tira a cabra) e disfrutalo en compaña, facendo un bo magosto, coas súas castañas, o seu chourizo, o seu viñiño… Hoxe mesmo fixemos un.

magosto.JPG

Agora seguide co “meme” das oito cousiñas todos os que queirades. Animádevos.

9 Novembro 2007

DOS CABAZOS ÁS CASTAÑAS

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 1:40 pm

lume.gifNunca nos gustaron excesivamente os cabazos, calacús… ou como lle queirades chamar. Son viscosos por dentro e o cheiro que despiden tampouco é gran cousa. Tampouco nos gustan as tradicións importadas como o Haloween ou Samaín (que, para nós, vén sendo o mesmo can con distinto colar). O Samaín é un bo intento de vernizar de autóctono algo que “a ollos vistos” nos veu de fóra, ou se non, alguén oíu falar desa suposta festa celta antes de que os ianquis nos vendesen o seu Haloween? Do que oímos falar, seguramente, é de que os nosos pais ou avós, tan amigos eles de troulear, asustaban ao persoal que andaba polas corredoiras nas noites de inverno, usando o que tiñan a man, sabas, velas e cabazos. Mais diso aos disfraces dos nenos tipo “scream” hai un treito. Con todo, quizais a estratexia do verniz non sexa mala idea. Igual somos quen de inventar un “Tío Xanciño”, por exemplo, para xustificar a presenza de Papá Noel polo Nadal. Pero, esquezámonos dos cabazos e pensemos nas castañas, que xa está aquí o San Martiño para facermos o magosto. A disfrutar e.. moito ollo co lume!