O outro día, mentres botabamos unhas risas cuns amigos e, logo de intercambiar uns “e ti que fas agora?”, uns “pois eu…” e uns “xa ves…”, parolamos tamén sobre os blogues, coas súas curiosidades e utilidades. Entre estas últimas podemos destacar a que se vén dando ultimamente no tumultuoso mundo do ensino, onde, co fin de motivar os rapazolos, moitos docentes se deciden a encetar un blogue no que os alumnos poidan amosar ao mundo enteiro a través da arañeira os seus traballos. Unha boa iniciativa, sen dúbida, como a de “Aula Galicia”, unha páxina con ampla información sobre a historia e a xeografía do noso país, coas anotacións clasificadiñas, con ligazóns interesantes, fotos, vídeos, etc. Botádelle un ollo, paga a pena.
27 Outubro 2007
