22 Outubro 2007

ÁS VOLTAS COA MEMORIA

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 10:36 am

 usb.JPG

Nestes días nos que se fala tanto da memoria histórica (nótese o redundante da expresión, a memoria sempre fai referencia á historia, sexa esta máis ou menos inmediata) e do Alzheimer (caracterizado pola perda da memoria), nós, para non ser menos, imos falar tamén de memoria, pero de memoria USB (tamén chamada lapis, peite, chaveiro, chisme, cousiño, chintófano…) Hoxe a nosa pequerrecha (a piques de cumprir cinco aniños coma cinco soles) entrou coma un trebón no estudio e levou por diante o que atopou, e un dos trebellos que atopou foi o chisme ese que se enchufa no ordenador e no que gardas tanta información, da que non sempre tes copia. O chintófano estaba enchufado e arrincouno de raíz, deixando os anacos ciscados polo chan. Podedes imaxinar a cara que se nos quedou e a que lle quedou a ela, que, coitada, non acadaba a entender o porqué do noso desgusto. Pero ante un “foi sen querer, papá” ¿que podes facer?