3 Outubro 2007

Na estrada da Estrada

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 11:59 pm

A xornada en Melide non foi como agardabamos. Nada máis chegarmos ao pavillón decatámonos de que o recipiente era moi grande para tan pouco contido. A xente era escasa e, cando voltamos de estirar as pernas pola vila, comprobamos que seguía a escasear. Por riba, o noso cativo, que estaba convaleciente dunha gastroenterite, confirmounos que recaera nas dores de barriga e nas frecuentes visitas ao “roca”. Marchamos, non nos quedaba outra. De camiño paramos a xantar en “Aqualata” (Agolada), agás o doente, que só tomou sopa, e collemos de novo o andante para a casa (que é onde mellor se está, éche ben certo). Xa por terras da Estrada, asaltounos un camión e botounos fóra da estrada (non do concello, pero case). Afortunadamente non nos ocorreu nada, pero o susto chupámolo, sobre todo a muller, que ía durmindo placidamente no asento dianteiro dereito; os nenos, con esa inocencia coa que afrontan a vida, nin se inmutaron.

Acompañamos documento gráfico do altercado. O coche negro da marxe dereita é o noso. O camión, un tráiler formigoneira, non o sacamos porque non nos collía na foto.

estrada.JPG