27 Outubro 2007

UNHA BOA INICIATIVA

Arquivado en: Sen clasificar — paidovento @ 6:46 pm

O outro día, mentres botabamos unhas risas cuns amigos e, logo de intercambiar uns “e ti que fas agora?”, uns “pois eu…” e uns “xa ves…”, parolamos tamén sobre os blogues, coas súas curiosidades e utilidades. Entre estas últimas podemos destacar a que se vén dando ultimamente no tumultuoso mundo do ensino, onde, co fin de motivar os rapazolos, moitos docentes se deciden a encetar un blogue no que os alumnos poidan amosar ao mundo enteiro a través da arañeira os seus traballos. Unha boa iniciativa, sen dúbida, como a de “Aula Galicia”, unha páxina con ampla información sobre a historia e a xeografía do noso país, coas anotacións clasificadiñas, con ligazóns interesantes, fotos, vídeos, etc. Botádelle un ollo, paga a pena.

 aulagalicia2.jpg

22 Outubro 2007

ÁS VOLTAS COA MEMORIA

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 10:36 am

 usb.JPG

Nestes días nos que se fala tanto da memoria histórica (nótese o redundante da expresión, a memoria sempre fai referencia á historia, sexa esta máis ou menos inmediata) e do Alzheimer (caracterizado pola perda da memoria), nós, para non ser menos, imos falar tamén de memoria, pero de memoria USB (tamén chamada lapis, peite, chaveiro, chisme, cousiño, chintófano…) Hoxe a nosa pequerrecha (a piques de cumprir cinco aniños coma cinco soles) entrou coma un trebón no estudio e levou por diante o que atopou, e un dos trebellos que atopou foi o chisme ese que se enchufa no ordenador e no que gardas tanta información, da que non sempre tes copia. O chintófano estaba enchufado e arrincouno de raíz, deixando os anacos ciscados polo chan. Podedes imaxinar a cara que se nos quedou e a que lle quedou a ela, que, coitada, non acadaba a entender o porqué do noso desgusto. Pero ante un “foi sen querer, papá” ¿que podes facer?

13 Outubro 2007

CONSOLACIÓN

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 4:03 am

cochesubs.JPGOnte, véspera do día nacional para os seareiros de Rajoy I, déronnos por fin no taller o que eles chaman un vehículo de cortesía ou de substitución. Nós chamarémoslle “coche de consolación”, porque o arrecendo a novo que despide o habitáculo e o entusiasmo co que os rapaces o acollen, axuda a cangar máis animosamente a mágoa de deixar o ”buga” propio coas tripas ao aire. E matinando nisto da substitución, nun día coma o de hoxe, cheo de contaminación informativa, de bandeiras españolas e de falabaratos televisivos, ocorréusenos pensar o beneficioso que sería contar con políticos de cortesía, de substitución ou, por que non, de consolación. Aínda que moito nos tememos que o substituto podería tranquilamente igualar as babecadas do titular.

8 Outubro 2007

ROZA INTENSIVA

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 12:17 am

A fin de semana foi proveitosa. O sábado, paseamos pola cidade de Ourense durante boa parte do día e, despois de deixarlles os rapaces aos avós, gozamos un anaco da “vidiña” nocturna da zona vella, que de vez en cando tamén cómpre algo. O domingo fomos aos arredores de Allariz para xantar e patear monte en familia, actividade esta moi beneficiosa para diminuír o colesterol, para falar e para refrescar a vista, demasiado acostumada ás veces ao asfalto e ao formigón. Na nosa singradura terrestre por lugares xa coñecidos atopamos novidades coma a da foto. Non vos vaiades pensar que é produto dun exceso de celo das brigadas municipais limpando o monte, non. Trátase, seica, dos labores de mantemento da liña de alta tensión, o que implica basicamente arrasar con todo. E cando dicimos “todo”, é todo: carballos, castiñeiros, amieiros… Boa falta lles faría un repaso deste tipo aos eucaliptos que volven abrollar nos montes queimados o ano pasado.

 monte.JPG

3 Outubro 2007

Na estrada da Estrada

Arquivado en: vivencias — paidovento @ 11:59 pm

A xornada en Melide non foi como agardabamos. Nada máis chegarmos ao pavillón decatámonos de que o recipiente era moi grande para tan pouco contido. A xente era escasa e, cando voltamos de estirar as pernas pola vila, comprobamos que seguía a escasear. Por riba, o noso cativo, que estaba convaleciente dunha gastroenterite, confirmounos que recaera nas dores de barriga e nas frecuentes visitas ao “roca”. Marchamos, non nos quedaba outra. De camiño paramos a xantar en “Aqualata” (Agolada), agás o doente, que só tomou sopa, e collemos de novo o andante para a casa (que é onde mellor se está, éche ben certo). Xa por terras da Estrada, asaltounos un camión e botounos fóra da estrada (non do concello, pero case). Afortunadamente non nos ocorreu nada, pero o susto chupámolo, sobre todo a muller, que ía durmindo placidamente no asento dianteiro dereito; os nenos, con esa inocencia coa que afrontan a vida, nin se inmutaron.

Acompañamos documento gráfico do altercado. O coche negro da marxe dereita é o noso. O camión, un tráiler formigoneira, non o sacamos porque non nos collía na foto.

estrada.JPG