Onte abandonamos unha lectura máis antes de rematala. Neste caso tocoulle a Unha cita co aire, de F. X. Fernández Naval, chegamos tan só á páxina 30, das 204 que compoñen esta novela, tediosa para o noso gusto. E é que o noso gusto é cada vez máis intransixente, levamos ao extremo a máxima de Daniel Pennac: o dereito a deixar un libro sen rematar. Este ano xa tivemos varios abandonos: Vermello e negro, de Stendhal, El hombre que hablaba de Octavia de Cádiz, de Bryce Echenique, etc.
Antes non nos pasaba con tanta frecuencia; será cousa dos anos, que cada vez somos máis repunantes. Outro día pasaremos dos libros abandonados e falaremos dalgúns dos volumes consumados, ou consumidos, que neste caso vén sendo o mesmo.
Confeso que son moi reticente a deixar libros sen acabar, pero cada vez me animo máis. O último que deixei por aborrecemento foi Estambul, do último premio Nobel. Un petardo infumable e moi pouco interesante.
Comentario por peke — 17 Setembro 2007 @ 8:12 pm
Borges dicia que se un libro non gusta é mellor deixalo: “Non foi escrito para vostede”, engadía sempre coa súa elegancia un chisquiño velenosa. Pero, eu cando menos, nunca sentin culpa por deixar un libro sen rematar. De feito, sinto que é o libro quen me deixa a min, e non ao revés: deixa que eu, coma lectora, naufrage; deixa que me desconecte. Porén, penso que o de Fernandez Naval vouno rematar porque o que levo lido gústame moito. Tamén me gusta este blog. Apertas!
Comentario por torredebabel — 19 Setembro 2007 @ 9:11 pm