Canícula: período do ano no que vai máis calor. Esta é a definición tipo, aínda que algúns manuais engaden “entre o 24 de xullo e o 2 de setembro”. Ben vemos que este ano a canícula anda algo descontrolada, para goce dalgúns e tormento doutros (entre os que nos contamos). E, falando de contar… Xa saberedes que “canícula(m)”, do latín, vén sendo en galego “cadeliña” e, claro, así de súpeto non se lle atopa moita relación coa calor, como non sexa a que pasa unha cadeliña peluda ao sol. Pois chámaselle así polo brillo máis intenso nesta época da estrela Sirio ou Siro, que está na constelación “Can Maior” (pola forma que adopta no ceo). Ás veces sómosche ben sofisticados para nomear as cousas máis simples. E, como os que somos máis invernizos que estivais, levamos moi mal estas febres, hoxe fomos chapuzar un pouco cos nenos na piscina do barrio, que cada vez está máis sucia (nótase que ten moito uso, vai ti saber se tamén algunha “cadeliña” afogou alí as súas pulgas). Mañá iremos un pouco máis ao norte, á Coruña, a ver se nos sacudimos esta ardentía.
7 Setembro 2007
CADELIÑA DE SETEMBRO
3 Comentarios »
Fonte RSS para os comentarios desta anotación. | TrackBack URI
Non sabía eu a orixe da canícula no espacio.
O da ardentía supoño que non será acidez de estómago, non ?.
Comentario por paideleo — 8 Setembro 2007 @ 1:01 am
Linda a explicación. Eu tampouco a coñecía.
Comentario por peke — 8 Setembro 2007 @ 4:45 pm
Thank you for sharing!
Comentario por Wahoo — 6 Outubro 2007 @ 12:01 pm