O acontecemento do día vén marcado polo paso da Volta ciclista a España por terras galegas. Esta vez a vila do Louro tamén foi testemuña do seu fulgurante paso: unha chea de señores en bici a pasar coma motos, outra chea de motos a pasar coma idem e moitos coches dos equipos cerrando a procesión. 30 segundos e, ala, de volta cos nenos para a casa. E é que, coma o fútbol, o ciclismo vese moito mellor pola tele. Tal poder ten a caixa boba, que fai que todo pareza bonito. Coas súas vistas aéreas non hai galpóns, non hai engadidos cerámicos nas casas de pedra, non hai patrimonio destruído, non hai agresións ao medio ambiente… Se non te fixas, ata os eucaliptos parecen carballos.
2 Setembro 2007