29 Setembro 2007

A MELIDE HABEMOS IR…

Arquivado en: Sen clasificar — paidovento @ 1:38 am

Mañá hai unha xuntanza do Voluntariado en defensa do monte galego na vila de Melide. Seica vai haber contacontos, actuacións musicais, etc. antes e despois do xantar, que promete ser lixeiro (empanada, carne ao caldeiro, callos… ao módico prezo de 15 € por barba). Pola noite, para baixar a sobredose proteica do mediodía, haberá concerto de grupos “heavirolos” como Zenzar ou Nao, moi bos por certo. Custounos decidirnos, máis que nada porque facer 150 km pola mañá e outros tantos pola tarde non estaba na lista de prioridades sabatinas, pero a muller e os nenos fixéronse fortes na súa opinión e… Ben, alá iremos.

voluntarios.JPG

23 Setembro 2007

O CU DE TÍA MODESTA

Arquivado en: Sen clasificar — paidovento @ 2:17 am

Supoñemos que coñecedes o dito: “Onde hai festa? No cu de tía modesta”. Pois hoxe estivemos explorando o cu de tía Modesta (desta volta metáfora do Porriño ou de Vilaguindastre, alcume acertadísimo da autoría de paideleo). Celébranse as festas do Cristo e non vos son unhas festas calquera. Para empezar, flipade, este ano non hai barracas de feira (nin “cochitos”, nin “caballitos”, nin nada diso); seica non hai onde metelas (alucinante). Pero o que si hai é o que se deu en chamar “animación de rúa”, con desigual resultado, dende os catro noitebros resacosos que convenceron a alguén de que eran unha charanga ata o pseudomagomalabaristapallaso que o fai ben e cae simpático (o da foto), pasando polo grupo de actores que intentan representar a súa obra loitando contra o espontáneo borracho ou contra os decibelios da orquestra a cincuenta metros deles. Así e todo, hai a quen lle gusta este cóctel de varietés; para a nosa sorpresa, cando fuxiamos en retirada cos pequechos da man, o noso cativo deixou caer: “Que ben o pasamos! A que si, papá?”.

pallaso.JPG

19 Setembro 2007

HARRY OLEIRO, O CÁLIZ DE FOGO E O LABIRINTO DA CORUÑA

Arquivado en: Lingua e literatura — paidovento @ 12:38 am

Hai uns días, para acougar as ansias lectoras do noso fillo máis vello (o adxectivo parece un pouco besta para tan só 9 anos), fomos por enésima vez á Biblioteca Municipal do Porriño (todo un exemplo de boa xestión, sen coñas). Alí, mentres buscabamos a terceira parte do Harry “Potas” (non lle vai mal o alcume, xa que “Potter” vén sendo “oleiro”), reparamos en que tiñan tamén a cuarta parte das aventuras deste pequeno mago traducida ao galego, baixo o título: H.P e o cáliz de fogo. Esa mesma noite vimos a peli e, modestamente, o substantivo “fogo” non nos parece o máis axeitado. Cando hai chamas, hai “lume”, e o que sae do cáliz (tamén discutible, no canto de “vaso”) son chamas. Se non lle aplicamos sentidiño a esta sorte de perversións lingüísticas, os fumadores poderiamos chegar a dicir, por exemplo: “Dáme fogo, que me caeu o esqueiro ao solo“ (Bonito, eh?)

De calquera xeito, o rapaz segue enganchado na lectura e o filme tamén lle gustou, sobre todo porque sae un labirinto parecido ao da foto, no que nos perdemos hai pouco tempo. Está no monte de San Pedro, na Coruña, e para botar unhas risas serve ben.

labirinto.JPG

14 Setembro 2007

DE VELLOS, GHAITEIROS

Arquivado en: Sen clasificar — paidovento @ 8:55 pm

Cando eramos novos, moi novos, uns gromiños, é dicir, uns adolescentes, os que estabamos sen montura aproveitabamos a mínima para lle pedir a un colega a súa moto (unha Derbi ou unha Puch das pequerrechas, de 50 cc) e pensabamos no afortunados que eran eles o no desgraciadiños que eramos nós. Ao cumprir os dezaoito xa pensabas no coche, que como ben sabedes podía ter múltiples usos, sacabas o carné e ¡ala!, a dar unha volta co coche dos pais. Co paso do tempo algúns chegamos a ter coche propio, a renovalo, a enchelo de familia… Mais sempre queda un pouso, un desexo incumprido que aflora de cando en vez. Un día decídeste e ¡zas!, pillas a primeira moto, con 40 xaneiros ás costas… e pensas, vistas as estatísticas de idade nos accidentes de tráfico en fin de semana, que non foi tan malo agardar tanto, polo menos para a propia saúde e quizais a dalgún terceiro.Matinamos nisto a miúdo e en que non estamos libres de deixar os dentes na defensa dun camión. Toquemos madeira.

Achegamos detalle do noso scooter 125. Pouco máis é ca un vespino, pero divirte.

moto.JPG

ABANDONOS

Arquivado en: Lingua e literatura — paidovento @ 12:27 am

Onte abandonamos unha lectura máis antes de rematala. Neste caso tocoulle a Unha cita co aire, de F. X. Fernández Naval, chegamos tan só á páxina 30, das 204 que compoñen esta novela, tediosa para o noso gusto. E é que o noso gusto é cada vez máis intransixente, levamos ao extremo a máxima de Daniel Pennac: o dereito a deixar un libro sen rematar. Este ano xa tivemos varioslibros.JPG abandonos: Vermello e negro, de Stendhal, El hombre que hablaba de Octavia de Cádiz, de Bryce Echenique, etc.

Antes non nos pasaba con tanta frecuencia; será cousa dos anos, que cada vez somos máis repunantes. Outro día pasaremos dos libros abandonados e falaremos dalgúns dos volumes consumados, ou consumidos, que neste caso vén sendo o mesmo.

11 Setembro 2007

EFECTO ASTRONAUTA

Arquivado en: Sen clasificar — paidovento @ 1:00 am

Por fin estamos decididos a operarnos deste mal fado que nos caeu nos ollos, a miopía. E hoxe, para irmos á primeira consulta do oculista (xa lle advertimos á nosa filla que non é o médico do cu), tivemos que pór lentes, pero non de contacto, que son as que usamos durante un bo mangado de anos, senón das outras, as “ghafas” de toda a vida. O resultado, como saberedes aqueles que vedes ben sen intermediarios e un día se vos ocorre encaixar nas orellas os “cu de vaso” da tía Ermelinda, é espectacular. É como coller un colocón sen beber nin pinga, como aboiar no espazo alleo á gafas.jpgrealidade que te rodea. E para definir esta sensación tan estraña acudimos ao título dun contiño de Suso de Toro, recollido en O relato breve: escolma dunha década (1980-1990), publicado en Galaxia, chamado “Efecto astronauta”. Parécevos tan axeitada a expresión coma a nós?

10 Setembro 2007

DE CELTAS E DE CURAS

Arquivado en: Sen clasificar — paidovento @ 12:21 am

Xa de volta da Coruña, facemos balance da fin de semana, que transcorreu entre copas e risas nocturnas, e rebulir de rapaces e visitas diurnas. Os nosos anfitrións encargáronse, coma sempre, de que esta cidade chantada no Atlántico non deixe de sorprendernos: desta volta tocou patear o monte de San Pedro e o Castelo de San Antón. Neste último, que acolle o Museo arqueolóxico, demos con esta curiosa escultura cun rótulo máis curioso aínda. Repárese na letra miúda; sabería o crego que gardaba tamaña obscenidade?

 falo.JPG falo2.JPG

7 Setembro 2007

CADELIÑA DE SETEMBRO

Arquivado en: Sen clasificar — paidovento @ 1:19 am

Canícula: período do ano no que vai máis calor. Esta é a definición tipo, aínda que algúns manuais engaden “entre o 24 de xullo e o 2 de setembro”. Ben vemos que este ano a canícula anda algo descontrolada, para goce dalgúns e tormento doutros (entre os que nos contamos). E, falando de contar… Xa saberedes que “canícula(m)”, do latín, vén sendo en galego “cadeliña” e, claro, así de súpeto non se lle atopa moita relación coa calor, como non sexa a que pasa unha cadeliña peluda ao sol. Pois chámaselle así polo brillo máis intenso nesta época da estrela Sirio ou Siro, que está na constelación “Can Maior” (pola forma que adopta no ceo). Ás veces sómosche ben sofisticados para nomear as cousas máis simples. E, como os que somos máis invernizos que estivais, levamos moi mal estas febres, hoxe fomos chapuzar un pouco cos nenos na piscina do barrio, que cada vez está máis sucia (nótase que ten moito uso, vai ti saber se tamén algunha “cadeliña” afogou alí as súas pulgas). Mañá iremos un pouco máis ao norte, á Coruña, a ver se nos sacudimos esta ardentía.

piscina.JPG

3 Setembro 2007

O CHALÉ DE PEDRO MADRUGA

Arquivado en: Sen clasificar — paidovento @ 1:00 am

Nesta tarefa que nos propuxemos de levarlle a contraria a todo o mundo, hoxe decidimos non ir á praia. Para refrescar a nosa vista e dar de comer á nosa memoria, puxemos rumbo ao castelo de Soutomaior. Ben, tamén fomos para divertir un pouco aos cativos, que na casa non hai quen os ature. Baixo un sol, máis que de xustiza, de vinganza, gozamos da arquitectura dese símbolo do poder feudal e dos seus xardíns de árbores centenarias. Vaia chaleciño e vaia leira tiña o tal Pedro Madruga, non nos estraña que andase a fogonazos cos Irmandiños (postos a comparar vivendas non habería color).

soutomaior1.JPG

Sinais coma este chamáronnos a atención por dous motivos: por ser de doada interpretación (cae de caixón) e por non ser fieis á realidade circundante (non sería mellor que aparecese unha motoserra?)soutomaior2.JPG

2 Setembro 2007

A VOLTA CICLISTA POLO PORRIÑO

Arquivado en: Sen clasificar — paidovento @ 1:20 am

O acontecemento do día vén marcado polo paso da Volta ciclista a España por terras galegas. Esta vez a vila do Louro tamén foi testemuña do seu fulgurante paso: unha chea de señores en bici a pasar coma motos, outra chea de motos a pasar coma idem e moitos coches dos equipos cerrando a procesión. 30 segundos e, ala, de volta cos nenos para a casa. E é que, coma o fútbol, o ciclismo vese moito mellor pola tele. Tal poder ten a caixa boba, que fai que todo pareza bonito. Coas súas vistas aéreas non hai galpóns, non hai engadidos cerámicos nas casas de pedra, non hai patrimonio destruído, non hai agresións ao medio ambiente… Se non te fixas, ata os eucaliptos parecen carballos.

 volta.JPG