Estamos a piques de rematar agosto, o mes vocacionalmente vacacional, e xa temos certa inquedanza no corpo por aquilo de que hai que voltar ao traballo… Isto debe ser, pensamos, o que denominan a síndrome posvacacional. Pois ben, matinando no asunto, lembramos a tertulia que mantivemos uns cantos voluntarios que fomos patear o monte hoxe pola mañá. Entre outros moitos temas (as mañás no monte dan para moito) falamos dos mozos e mozas que están á espreita de poderen acadar o seu primeiro emprego e do desasosego que senten conforme pasan os meses e, en moitos casos, os anos. Iso si que realmente merece un tratamento estatístico, sociolóxico, mediático… e non o trabalinguas ese da síndrome posvacacional que, xa veredes, non ha tardar en encher ocos nos telexornais.
Se algún lector ou lectora cre estar afectado polo que podemos chamar a “síndrome do desemprego”, transmitímoslles dende a nosa experiencia a esperanza de que logo atoparán a luz ao final do túnel ou, como na foto, o claro despois das nubes… Xa sabedes: “Nunca choveu que non escampara”.