ago
31
2007
Ninguén vai descubrir aquí as calidades literarias do laureado Suso de Toro (premio nacional de literatura, entre outros galardóns), un dos escasísimos escritores profesionais en galego. Porén, o seu compromiso político non é tan coñecido (aínda que o que máis e o que menos sabe que escora cara ao PSOE). Pois ben, hoxe comezamos a ler unha novela súa encadrada na chamada literatura xuvenil (a que dá m
áis pasta, se é que algunha a dá). A peza chámase Morgún e configúrase como un relato fantástico de aventuras, na liña do “Señor dos aneis”, sen máis pretensións. Está publicado en Xerais e a súa 1ª edición data, fixádevos ben, de outubro de 2003. O motivo polo que falamos desta obra aparece xa antes da obra en si, e é nin máis nin menos que a súa dedicatoria (lembrádevos do Prestige, das manifas e dun señor de bigote):
A toda esa xente que “ladra o seu rancor polas esquinas”
Na nosa escala particular, un punto máis para o Suso.
ago
30
2007
Unha das novas do día é a intención dos de ”tan gallego como el gallego” de presentar un recurso contencioso-administrativo perante o TSXG contra a entrada en vigor do novo decreto que regula o uso do galego no ensino. Pobriños, serán xente acovardada (coma as galiñas), ignorante das súas orixes (coma as galiñas), plenamente conformistas (coma as galiñas), estarán sempre no medio (coma as galiñas), etc. Por todo isto, e porque no seu día non nos publicaron un comentario na súa páxina, propoñemos que lle cambien o nome polo de “tangallinacomolagallina.es” e agardamos que as súas iniciativas teñan a mesma transcendencia que a vida deste escandaloso animal doméstico.
Acompañamos foto da Galiña de Mos, raza autóctona, malia que lles pese.

ago
28
2007
Os idólatras de “Blade Runner” lembraredes a arquifamosa escena na que o replicante Rutger Hauer lle fala así ao desactivador de chatarra (Harrison Ford): “Vin cousas que xamais creriades, vin naves arder…” Pois a foto que vén de seguido é das de non crer se non se ven. O único que vos podemos dicir ao respecto é que nos chegou por correo electrónico co título “definición de gilipollas” (a que lle acae ben?)

ago
26
2007
Estamos a piques de rematar agosto, o mes vocacionalmente vacacional, e xa temos certa inquedanza no corpo por aquilo de que hai que voltar ao traballo… Isto debe ser, pensamos, o que denominan a síndrome posvacacional. Pois ben, matinando no asunto, lembramos a tertulia que mantivemos uns cantos voluntarios que fomos patear o monte hoxe pola mañá. Entre outros moitos temas (as mañás no monte dan para moito) falamos dos mozos e mozas que están á espreita de poderen acadar o seu primeiro emprego e do desasosego que senten conforme pasan os meses e, en moitos casos, os anos. Iso si que realmente merece un tratamento estatístico, sociolóxico, mediático… e non o trabalinguas ese da síndrome posvacacional que, xa veredes, non ha tardar en encher ocos nos telexornais.
Se algún lector ou lectora cre estar afectado polo que podemos chamar a “síndrome do desemprego”, transmitímoslles dende a nosa experiencia a esperanza de que logo atoparán a luz ao final do túnel ou, como na foto, o claro despois das nubes… Xa sabedes: “Nunca choveu que non escampara”.

ago
23
2007
Hai uns días recibimos un correo que, de ser certo, ponnos os pelos de espeto. Alguén conta unha escena que presenciou no Gran Canón do río Colorado, en Arizona. Non só describe o que algúns están dispostos a facer por conseguir unha foto, senón que achega probas, tamén fotográficas, sobre o caso… E o caso é que o “prota” da nosa historia atópase… a 900 m de altura! Que tomen nota os “paparazzi”.




ago
14
2007
Si, xa sabemos, hoxe é 14 de agosto… pero como non sabiamos que pór, ocorréusenos colgar esta panorámica da praza da Quintana o 25 de xullo. Para que logo digan que o nacionalismo galego é minoritario…

ago
12
2007
Hoxe (12 de agosto de 2007) e agora (ás 2.19.45…46…47…) engadimos un gran de area máis a ese areal inmenso dos internautas. AQUÍ ESTAMOS!
