Ben, en realidade non é un “decálogo”, xa que non imos referir normas nin consellos, senón dez curiosidades que poden resumir a nosa estadía na capital de Eire. A saber:
(Clicade nas imaxes para velas ampliadas)
1. Como saberedes, en Irlanda son cooficiais o gaélico e mais o inglés, aínda que en Dublín practicamente só
se fala este último idioma e no conxunto do país, segundo nos informou un taxista moi campechano el, tan só un 3% fala habitualmente a lingua vernácula (cremos que esaxerou á baixa). Por suposto, case todo aparece rotulado en bilingüe, e o que nos chamou moito a atención é que alí a policía chámase, flipade, “garda”.
2. Dublín é unha cidade ante todo moi musical. É frecuente atopar músicos de variados estilos nas rúas peonís e, pola noite, son moitos os locais que ofertan “live music”. Estar tomando unha pinta mentres disfrutas dun destes espectáculos évos realmente engaiolante. Tamén esta cidade é berce de grandes músicos, como Phil Lynott, vocalista de Thin Lizzy.
3. Non sabemos se no resto de Irlanda acontece o mesmo, pero na capital hai bandeiras do país por todas partes. Supoño que é un xeito de afirmación nos estados relativamente novos (lembremos que Eire é independente dende 1921). A foto que achegamos é a dun pub que, polo que se ve, quixo engadir algunha bandeira máis.
4. Entre os templos católicos e os anglicanos hai un feixe de igrexas espalladas por toda a cidade. Por suposto, hai catedral protestante (Christ Church) e católica (St. Patrick, patrón da vila)
5. O transporte colectivo impera na urbe. Ademais do tranvía e o tren, os autobuses vense a centos polas rúas, ás veces dá a impresión de que hai máis ca turismos.
6. Falando de transporte, un dos máis utilizados é de tracción animal: a bicicleta. Vese a xente traxeada, co casco e a mochila, disposta a chegar puntual ao traballo. Ademais, están os taxis “ecolóxicos”, que veñen sendo unha bici con tres rodas e carrocería. Non montamos en ningún, porque o de que un mozo faga todo o esforzo e ti vaias comodamente sentado dábanos un pouco de aquel. Con todo, a orografía da cidade (totalmente plana) axuda bastante.
7. A relación de Irlanda coa literatura non a imos descubrir agora. Baste con lembrar que catro premios Nobel proceden desta nación. Pero os dublineses sábeno e explótano, como ten que ser. Nos xardíns da catedral de St Patrick hai unha colección de placas alusivas a estes xenios (Wilde, Joyce, Becket, Swift, Yeats… e un longuísimo etcétera)
8. O río Liffey e mais o Royal Canal e o Grand Canal percorren a cidade, polo que se entende que haxa pontes. Agora ben, o número é incrible, entre as peonís, as do tren e as do tráfico rodado calculamos que poden ser, non esaxeramos, entre 50 e 100. Buscamos na rede a ver se atopabamos o número exacto, pero non fomos capaces. Algunhas son ben xeitosas como a “Merchants Arch” de 1822.
9. Algo que non pasa inadvertido para un galego é a abundancia de bares. De feito están reunidos nunha zona, chamada axeitadamente “Temple Bar”. Son locais grandes e ateigados de xente onde podes rillar comida tradicional (como o Irish Stew), escoitar música e beber cervexa, ou outra cousa.
10. E, falando de beber, a relación dos irlandeses co alcol semella clara no que reza o letreiro da foto, tirada no bar “Quays”. A súa tradución vén sendo algo así: “Deus creou o alcol para evitar que os irlandeses dominasen o mundo”. De feito, a cervexa Guinnes é unha auténtica institución, ata tal punto que, segundo nos contaron no museo da marca, o símbolo da arpa foi adoptado como escudo de Irlanda non sen preitear antes coa empresa cervexeira, véndose obrigado o goberno a empregar o símbolo ao revés. A da foto é a arpa orixinal 1862) exposta no museo da Guinnes.
Ata outra.
